PE002 - SOLICITUDE PARA A DECLARACIÓN DUN PROXECTO INDUSTRIAL COMO INICIATIVA EMPRESARIAL PRIORITARIA (art.42.1)

Finalidade / Obxectivo

Dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento IG300D) para a tramitación por medios electrónicos, para a declaración dun proxecto como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (PE002).

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser declaradas polo Consello da Xunta de Galicia como iniciativas empresariais prioritarias aquelas que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluídos aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables en que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o abastecemento da industria galega.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

c) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

d) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estenderase desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata a perda de vixencia da normativa que ampara a declaración das iniciativas empresariais prioritarias.

Referencia lexislativa

Resolución do 2 de decembro de 2021 (DOG Nº239 do 15/12/2021) - Modelo de solicitude de declaración de iniciativa empresarial prioritaria
LEI 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG Nº203 do 25/10/2017)

Información e tramitación en

1. Para presentar a solicitude, a persoa interesada deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá na aplicación informática: http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

DOCUMENTACIÓN:

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Os proxectos encadrados no artigo 42.1:

1º. Exposición detallada do proxecto que acredite o cumprimento de, polo menos, dous dos seguintes requisitos:

i) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluídos aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables en que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o abastecemento da industria galega.

ii) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

iii) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

iv) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.

2º. Documentación complementaria:

i) Temporalización do proxecto con cronograma de implantación.

ii) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos indicados, conforme o artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

iii) Declaración responsable do mantemento do investimento e/ou dos vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, durante un período mínimo de cinco anos desde o inicio da actividade económica ou da ampliación da existente, de ser o caso, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

3º. Deberán indicar cal das modalidades corresponde e achegar a seguinte documentación en función da modalidade indicada, para o caso de proxectos que acrediten o cumprimento do requisito do punto 1º iii):

i) Proxectos de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta que teñan declaración de utilidade pública.

Declaración responsable de utilidade pública do polígono agroforestal ou actuación de xestión conxunta, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

ii) Proxectos empresariais vinculados a polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta por estaren localizados no seu perímetro ou utilizar a produción agraria das terras incluídas nestes polígonos ou actuacións que deben ter a declaración de utilidade pública.

Proxecto de polígono agroforestal ou actuación de xestión conxunta, ou proxecto empresarial vinculado a polígono agroforestal, actuación de xestión conxunta ou aldea modelo.

iii) Proxectos empresariais localizados en aldeas modelo declaradas.

Declaración de aldea modelo, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

iv) Proxectos empresariais incluídos no programa de actuacións dun plan de desenvolvemento rural aprobado pola Xunta de Galicia.

Documento do Plan de desenvolvemento rural.

4º. A documentación referida nos puntos 1º e 2º deberá estar asinada polo promotor do proxecto ou, se é o caso, polo representante legal.