IG246 - PRÉSTAMOS IFI INNOVA (2022)

Unión europea
O prazo de presentación finaliza o Venres, 30 Setembro 2022 as 00:00 h.

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente proxectos innovadores de pemes, financiando activos tanxibles e intanxibles e gastos de desenvolvemento e innovación.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios as sociedades mercantís pemes con proxectos innovadores, especialmente as de base tecnolóxica, principalmente semente e start-up, pero tamén aquelas pemes que, a pesar de ter unha traxectoria contrastada, desexan emprender proxectos innovadores, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de produto financeiro, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.

c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.
c) As entidades en que concorrese algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Serán financiables os proxectos para desenvolver en todos os sectores, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Non serán financiables:

a) Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura.
b) Empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

Tampouco serán financiables as tipoloxías de proxectos e actividades excluídas polo Regulamento (UE) nº 1301/2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional:

a) O desmantelamento ou a construción de centrais nucleares.
b) O investimento para lograr a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo 1 da Directiva 2003/87/CE.
c) A fabricación, transformación e comercialización de tabaco e elaborados de tabaco.
d) O investimento en infraestruturas aeroportuarias, a non ser que estean relacionadas coa protección do medio ambiente ou vaian acompañadas dos investimentos necesarios para mitigar ou reducir o seu impacto negativo no medio ambiente.

Requisitos principais do proxecto

* Importe do préstamo:

O importe mínimo dos préstamos para conceder será de 50.000 euros e o máximo de 500.000 euros, correspondendo a un máximo do 70 % do importe total do custo do proxecto financiable.

* Prazos de amortización e carencia:

O prazo de amortización será un máximo de 12 anos incluíndo unha carencia na amortización do principal adaptada ás características do proxecto e ao seu plan financeiro, cun máximo de 4 anos.

* Tipo de xuro:

Tipo de xuro ordinario: determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:

- Tipo de referencia: será a media do Euribor a 1 ano do mes anterior ao da data da proposta de resolución de concesión do préstamo.
- Marxe adicional: Será de 0,10 puntos porcentuais.

- Tipo de xuro de mora:

a) O resultado de sumar:
- A diferenza entre o tipo de xuro de mercado, determinado conforme ao previsto no anexo II, e o tipo de xuro ordinario, determinado de acordo ao descrito no apartado E.3.a) anterior.
- O tipo de xuro de mora fixado na Lei de Orzamentos Xerais do Estado, aos efectos da Lei Xeral de Subvencións, que estea vixente no momento da concesión da operación.
b) O 6,00%.

* Plan de amortización.

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros.

* Garantías.

Para préstamos iguais ou inferiores a 200.000 euros non se requirirá a achega de garantías adicionais á responsabilidade da sociedade prestameira. Para importes superiores a 200.000 euros, o Igape tomará garantías en función da súa dispoñibilidade e das características do proxecto. As garantías puntuaranse cos criterios sinalados no anexo IV.

Cualificación requerida do proxecto

1. Os proxectos que cumpran as condicións necesarias serán avaliados conforme os seguintes criterios:

a) Baremación específica do proxecto para a modalidade de préstamo solicitada: valoraranse as solicitudes conforme os correspondentes criterios e puntuacións recollidas no anexo I para cada modalidade.

b) Cualificación do risco de crédito: conforme a metodoloxía de avaliación descrita no anexo III, cualificarase ao proxecto nunha das seguintes cinco categorías: «Excelente (AAA-A)», «Boa (BBB)», «Satisfactoria (BB)», «Deficiente (B)», ou «Mala/dificultades (CC)».

c) Cualificación da garantía, conforme os criterios descritos no anexo IV, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape nun dos tres niveles de colateralización: «Alta», «Normal» e «Baixa».

2. A puntuación total obtida polo proxecto ou actuación deberá alcanzar polo menos o valor de 50 puntos. Toda puntuación inferior a este mínimo supoñerá a desestimación da solicitude presentada.


Sen prexuízo do cumprimento do limiar da cualificación de risco de crédito, para a súa aprobación deberá obter unha puntuación mínima de 50 puntos, resultantes de sumar os seguintes valores:

I.1) Grao de innovación: máximo 90 puntos, valorando os aspectos de innovación do produto e/ou servizo e tecnolóxicos do produto/servizo obxecto do proxecto, capacidade de execución e vantaxes competitivas. A puntuación desta epígrafe realizarase con base nun informe emitido pola Axencia Galega de Innovación (Gain), que será presentado ao Comité de Riscos do Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia Feder 2014-2020.

I.2) Financiamento bancario do proxecto: 5 puntos.

I.3) A cualificación do proxecto como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) polo órgano competente da Xunta de Galicia, a posesión de selo de peme innovadora, ou a obtención de financiamento nos últimos 5 anos de programas nacionais ou europeos de I+D+i: 5 puntos.

Non obstante, para os proxectos solicitantes de préstamos IFI Innova que obtivesen unha puntuación de 70 ou máis puntos no criterio relativo ao grao de innovación previsto no punto I.1) do punto 1.1 do anexo I, establécese en 2 puntos o limiar mínimo do criterio de capacidade financeira e en 40 puntos a puntuación total mínima exixida para a aprobación das solicitudes.

Investimentos ou gastos computables

Investimentos produtivos en activos fixos e determinados gastos elixibles, de proxectos novos das empresas que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que executen proxectos de I+D+i co obxectivo de mellorar a posición competitiva da empresa, baixo o criterio de selección de operacións do programa operativo Feder 2014-2020.

Os proxectos deberán estar aliñados coas prioridades e obxectivos de RIS 3. Terán a consideración de proxecto de I+D+i financiables os que se atopen nalgún dos seguintes TRL (Technology Readliness Levels) referidos ao nivel de madurez dunha tecnoloxía:

- TRL5: validación de compoñentes e/ou disposición destes nunha contorna relevante.
- TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo en contorna relevante.
- TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.
- TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.

Non serán financiables os investimentos xa realizados con anterioridade á presentación da solicitude, gastos de amortización, saneamento de contas, financiamento ou refinanciamento de débedas, pagamento de impostos nin aquelas afectadas por limitacións específicas do programa operativo Feder.

1. Consideraranse conceptos financiables os seguintes:

a) Activos fixos materiais necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como bens de equipamento, instalacións técnicas, equipamentos para procesos de información ou datos, instrumental, útiles, moldes etc.

b) Activos intanxibles, tales como patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas a prezos de mercado, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual, así como software específico necesario para o proxecto.

c) Outros gastos en desenvolvemento e innovación, que incluirán:

- Custos de investigación contractual e custos de consultoría ou outros servizos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
- Materiais e consumibles necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
- Gastos de persoal dedicado ao desenvolvemento do proxecto (investigadores, desenvolvedores técnicos e demais persoal auxiliar).

Respecto dos custos de persoal, serán financiables na medida na que se incorrese neles efectivamente e se xustifiquen mediante os correspondentes documentos acreditativos do gasto e do pagamento. Os custos de persoal correspondentes a individuos que traballan a tempo parcial na operación poderán calcularse como unha porcentaxe fixa dos custos salariais brutos reais, en consonancia cunha porcentaxe fixa de tempo traballado na operación ao mes, sen a obriga de establecer un sistema independente de rexistro de tempo de traballo. Neste último caso, cando non se estableza un rexistro independente de tempo, o empregador emitirá un documento para os empregados no que se establecerá esta porcentaxe fixa que debe dedicar o traballador á operación. Só serán financiables os gastos do persoal que, estando relacionado coa operación, sexa necesario para a súa execución.

Considéranse custos de persoal financiables os custos brutos de emprego do persoal do beneficiario. Estes gastos inclúen:

i. Os soldos e salarios fixados nun contrato de traballo, nunha decisión de nomeamento (acordo laboral) ou na lei, que teñan relación coas responsabilidades especificadas na descrición do posto de traballo correspondente;

ii. e outros gastos soportados directamente polo empregador como cotizacións sociais, así como outras prestacións en favor dos traballadores que sexan obrigatorias en virtude de lei ou convenio ou habituais atendendo aos usos do sector e sempre que non sexan recuperables.

Os custos das viaxes, indemnizacións ou dietas non teñen natureza de gastos de persoal.

No caso exclusivo das micropemes, admitiranse os custos do desenvolvemento do proxecto realizado polos socios e/ou administradores da solicitante, debidamente xustificados mediante as correspondentes nóminas e cunha declaración responsable da porcentaxe de dedicación aos traballos realizados para o proxecto. Con independencia da porcentaxe de dedicación declarada, o gasto subvencionable por este concepto non superará o que corresponda ao 30% de dedicación.

Excepcionalmente, e cos requisitos e límites establecidos no parágrafo anterior, admitirase neste concepto a acreditación de servizos de profesionais independentes facturados por persoas vinculadas á solicitante cando se trate de autónomos societarios .

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Non obstante o previsto no anterior número 2, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en alugamento e/ou en réxime de concesión administrativa, así como a obra civil (construción) levada a cabo en terreos sobre os que a titular teña un dereito de superficie, unha concesión administrativa ou un contrato de alugamento. A vixencia do alugamento, do dereito de superficie ou da concesión administrativa deberá ter unha duración igual ou superior ao prazo de execución do proxecto.

4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final.

5. Os provedores teñen que ser independentes, non poderán estar asociados nin vinculados entre si nin coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

6. En caso de bens usados, poderán ser financiados cando se cumpran os seguintes requisitos:

a) que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e
b) o prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes aspectos mediante certificación de taxador independente.

Os investimentos para financiar non poderán terse concluído nin executado integramente na data da resolución da solicitude de préstamo. Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.

Non serán financiables as meras substitucións de bens, traslados de centros produtivos que non supoñan unha mellora na capacidade produtiva ou na competitividade, gastos de amortización, saneamento de contas, financiamento ou refinanciamento de débedas, pagamento de impostos, nin aquelas afectadas por limitacións específicas do programa operativo Feder.

Contía das axudas

As operacións financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda implícita, equivalente ao aforro da carga financeira que supón para a beneficiaria respecto dunha operación alternativa que poderían obter no mercado financeiro.

Non se poderán utilizar as operacións financeiras reguladas nestas bases para prefinanciar outras subvencións.

Non se utilizarán outras subvencións para reembolsar as operacións financeiras reguladas nestas bases.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que se esgote o crédito orzamentario.

b) O 30 de setembro de 2022 ata as 14.00 horas.

Incompatibilidades

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder o préstamo, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

A concesión destas axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Nestes termos serán compatibles con outras sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) O importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación. En particular, serán compatibles con outras axudas de minimis, sempre que o importe total que se conceda a unha mesma empresa non supere 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas que realicen por conta allea transporte de mercadorías por estrada.

b) O gasto financiado con cargo ao préstamo IFI non estea subvencionado polo Feder ou outro fondo ou instrumento da Unión. En ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas públicas ou privadas, poderá subvencionarse un gasto superior ao do custo total subvencionable do proxecto.

Referencia lexislativa

Resolución do 14 de marzo de 2022 (DOG Nº60 do 28/03/2022) - Bases reguladoras

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
Para presentar a solicitude de préstamo, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través de http://www.tramita.igape.es
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura baste para acreditar a vontade do solicitante.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo V.1) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) A documentación específica para este produto financeiro.

- Acreditación da capacidade de financiamento da parte do proxecto non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento, segundo o modelo do anexo V.6.

- Memoria do proxecto, que desenvolverá o seguinte contido:

- Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación de xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).
- Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia etc.) e potencial. Análise comercial do produto.
- Descrición do proxecto: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, estado da técnica actual, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos), análise económica do proxecto (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas.
- Actuacións relacionadas coas tecnoloxías industriais avanzadas relacionadas coa fábrica do futuro e o concepto Industria 4.0, biotecnoloxía, nanotecnoloxía, materiais avanzados, así como a micro e nanoelectrónica e a fotónica. Inclúense en tecnoloxías 4.0: Robotización e robotización colaborativa, Fabricación aditiva, Sensórica e actuadores mecatrónicos, Sistemas cíber-físicos, Automatización total ou estendida, Intercomunicación máquina-máquina, Conectividade total ou estendida, Vehículos autónomos -optimización de fluxos e redución de custos, Personalización de produtos, Internet das cousas, internet de equipamentos e máquinas, Blockchain, Dixitalización, Big Data, Cloud computing e Ciberseguridade aplicadas á industria, Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministración coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos, Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos, realidade aumentada e virtual.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

c) En caso de sociedades mercantís:

1º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, de ser o caso, no rexistro competente.
2º. Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que estivera vencido o prazo da súa formulación.
3º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) En caso de sociedades en constitución:

1º. Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai a constituír.

2º. Proxecto de estatutos da sociedade.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de concesión/denegación. Para tal fin, terá que ser presentada no Igape a escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, no prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude. Transcorrido o devandito prazo sen presentala ou se a documentación presentada é incorrecta, e logo de requirimento para a súa corrección no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

e) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE (resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente).

f) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

g) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

h) De ser o caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

i) Relación detallada dos investimentos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

j) Copia do contrato de alugamento/concesión das instalacións obxecto do proxecto de investimento, de ser o caso.

k) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega con carácter facultativo daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

Observacións

O beneficiario deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de agosto de 2023.