IG269 - PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR A OPERATIVA DA INDUSTRIA AUXILIAR NAVAL (2022)

O prazo de presentación finaliza o Venres, 30 Decembro 2022 as 23:59 h.

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente a empresas que desenvolven actividades no sector da industria auxiliar da construción naval, para permitirlles financiar a longo prazo pagos operativos, dispoñer dun fondo de manobra suficiente e/ou dispoñer de garantías peñoraticias para acceder aos avais técnicos e financeiros necesarios para a súa actividade.

Tipos de apoio

Préstamos directos do IGAPE en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación a financiar, localizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no Anexo I.
c) Acheguen para a actuación unha contribución financeira mínima do 25 % do custo total, exenta de calquera tipo de apoio público.

Os establecidos no artigo 1 destas bases reguladoras, incluíndo persoas físicas, agrupacións, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo, e que subministren bens ou servizos a empresas do sector da construción naval (CNAE 301).

Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do Libro Segundo do devandito Real Decreto Lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un acordo de refinanciamento ou un acordo extraxudicial de pagos.
c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Industria auxiliar da construción naval

Requisitos principais do proxecto

Condicións do produto financeiro.

1) Importes mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo será de 50.000 € e o máximo de 1.000.000 €, e deberá ser aplicado exclusivamente ao pago dos conceptos indicados no punto C) anterior.

O importe do préstamo non poderá superar, no momento da solicitude, un importe equivalente á suma dos saldos facturados pendentes de cobro de clientes do sector de construción naval (CNAE 301), mailos traballos realizados ou en curso pendentes de facturar a empresas do dito sector. O Igape poderá contrastar a realidade destes dereitos de cobro declarados pola solicitante, mediante circularización aos clientes, e reducir o importe financiable no caso de non obter conformidade expresa dos terceiros.

Os clientes do sector naval computados a estes efectos, non poderán ser empresas vinculadas á sociedade solicitante nin aos seus socios e administradores.

2) Prazos de amortización e de carencia.

O prazo de devolución dos préstamos será de 5 anos, incluíndo 2 de carencia na amortización de principal.

3) Tipo de xuro e axuda implícita.

a) Tipo de xuro ordinario.

O capital disposto e non amortizado do préstamo, devindicará diariamente, a contar desde a disposición dos fondos e ata que transcorra o prazo de vixencia do préstamo, un xuro nominal fixo que liquidarase e pagarase con periodicidade trimestral e con carácter vencido, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada a amortización de principal salvo no período de carencia.

O tipo de xuro nominal anual, determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:

– Tipo de referencia: Será a media do Euribor a 1 ano do mes anterior á data da Proposta de Resolución da concesión do préstamo.
– Marxe adicional: Será de 2 puntos porcentuais. Se o resultado da subvención implícita no préstamo, obtida aplicando os criterios recollido no Anexo III, superase o límite de axuda de minimis, incrementarase a marxe adicional para diminuír a vantaxe financeira respecto ao mercado ata cumprir este límite.

O tipo de xuro será do 0 % cando resulte negativo.

b) Tipo de xuro de mora.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pago dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

C) Axuda implícita.

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita determinada conforme ao Anexo III das bases.

4) Plan de amortización.

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pago de xuros. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase o acordo de concesión. Para o cálculo do plan de amortización, utilizarase o sistema de amortización francés, de forma que a carga para afrontar pola beneficiaria, resultante de sumar os xuros e as amortizacións para pagar ao trimestre pola beneficiaria mantéñase constante durante toda a vida do préstamo tras a carencia.

5) Garantías.

Con carácter xeral, para esta modalidade de préstamos non se esixirán garantías adicionais á responsabilidade universal da prestameira.

Cualificación requerida do proxecto

1. As actuacións que cumpran as condicións necesarias serán avaliadas conforme aos seguintes criterios:

a) Baremación específica da actuación para a modalidade de préstamo solicitada: valoraranse as solicitudes conforme aos criterios específicos de avaliación previstos, se é o caso, no Anexo I para cada modalidade.

b) Cualificación do risco de crédito: conforme á metodoloxía de avaliación descrita no Anexo IV, cualificarase a solicitante e a súa actuación a financiar nunha das seguintes cinco categorías: «Excelente (AAA-A)», «Boa (BBB)», «Satisfactoria (BB)», «Deficiente (B)», ou «Mala/dificultades (CC)».

c) Cualificación da garantía, conforme aos criterios descritos no Anexo V, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape nun dos tres niveles de colateralización: «Alta», «Normal» e «Baixa».

2. Para as puntuacións e cualificacións detalladas nos apartados 6.1 a) e b) anteriores, establécense uns limiares mínimos de aprobación, recollidos nos citados Anexos I e IV respectivamente. Se unha solicitude non acada os devanditos limiares mínimos será denegada.

3. As solicitudes que cumpran os requisitos destas bases e superen os limiares de puntuación sinalados no apartado anterior deste artigo serán aprobados por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento da convocatoria para as distintas modalidades de préstamos, en réxime de concorrencia non competitiva.

Investimentos ou gastos computables

Os conceptos que se van financiar co préstamo serán:

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade , que deberá cumprir o seguintes dous requisitos:

1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base a solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e as previsións de actividade.

2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:

i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.

iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.

iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica.

v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

vi) Cando así se contemple expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderán destinarse a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da beneficiaria. Nestes supostos:

vi1) O acordo de concesión determinará expresamente a porcentaxe de cobertura máxima desta contragarantía líquida sobre o nominal dos avais que se emitan, computándose, se é o caso, a parte do risco non cuberta por esta garantía peñoraticia para o 25% de contribución financeira exenta de apoio público requirida segundo o artigo 1.1.c).
vi2) O acordo de concesión determinará tamén a tipoloxía de compromisos, continxencias ou obrigas a garantir cos avais que se emitan, os requisitos dos terceiros ante os que se avala, e os requisitos dos avalistas beneficiados do peñoramento do depósito.
vi3) Sen prexuízo de que se poida instrumentar unha liña de avais revolving por un prazo máximo determinado, unha vez vencidas as obrigas garantidas co peñoramento do depósito, o importe líquido do mesmo deberá ser transferido ao Igape nun prazo máximo de 15 días hábiles. Estes fondos serán aplicados á amortización anticipada do préstamo ou, se é o caso, ao pagamento de débedas vencidas.

A contía financiable será calculada pola solicitante de forma razoada na memoria que deberá presentar xunto á solicitude, en base ás necesidades financeiras estimadas para a operativa empresarial. O Igape poderá reducir o importe solicitado no caso de non considerar a dita contía suficientemente motivada, en base ao análise dos estados financeiros da solicitante.

Contía das axudas

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade non terán a consideración de axuda, posto que o seu tipo de xuro será igual ou superior ao determinado aplicando os criterios da Comunicación 2008/C14/02 da Comisión para que poidan ser considerados de mercado.

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita determinada conforme ao Anexo III das bases.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Os préstamos contemplados nestas Bases Reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se contemple axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación.

Referencia lexislativa

Resolución do 5 de abril de 2022 (DOG Nº69 do 08/04/2022) - Bases reguladoras dos préstamos directos

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

– Declaración responsable con relación nominal de clientes empresas do sector da construción naval non vinculadas, nas que se indique, para cada cliente e referido á data de solicitude do préstamo:

- Cadro resumen das facturas emitidas pendentes de cobro, xunto coa copia das mesmas.

- Cadro resumen de facturas pendentes de emitir, por traballos realizados ou en curso, xunto coa copia de contratos no seu caso.

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: Historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto. Describir expresamente os bens e servicios subministrados a empresas do sector da construción naval, traxectoria neste sector, historial de quebrantos causados procesos concursais de clientes deste sector.

c) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa.

d) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, describindo o contido dos mesmos e o número de traballadores afectados.

- Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible.

- En caso de persoas xurídicas:
1º Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.
2º Contas anuais, auditadas no seu caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
3º Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

- No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

- Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

- En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

- No seu caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

- Relación detallada dos investimentos a realizar, distinguindo entre bens novos e usados.
- Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

- Se é ocaso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:

a) nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento (importe, prazo, carencia e garantías a tomar);
b) nun compromiso firme do financiamento a aportar polos socios, no que figure a natureza, importe e prazos da mesma.

- Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de cinco meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión.

A beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 30.11.2023.

Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito no apartado A) deste anexo son de interese para Galicia polo seu impacto no sector industrial e a súa importancia social, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación, que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no Anexo IV.