IG257 - REAVAL FUNCIONAMENTO - OPERACIÓNS AVALADAS PARA O FINANCIAMENTO DE TRÁFICO COMERCIAL (2022)

Finalidade / Obxectivo

Favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes galegas mediante liñas de crédito específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia non competitiva. Suxeita a minimis.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1. Neste caso deberán facerse constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles.

A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación. No caso de comunidades de bens, cada un dos socios deberá cubrir o formulario do anexo III.

Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan. En todo caso, EXCLÚENSE:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

e) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

f) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Requisitos principais do proxecto

1. Importe.

O importe da liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 600.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste anexo I.2, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 600.000 € por convocatoria.

O límite superior indicado nos dous parágrafos anteriores será de 1.000.000 € nas operacións concedidas a pemes do sector audiovisual. Aos efectos destas bases, considéranse incluídas no sector audiovisual as empresas que desenvolvan as seguintes actividades:

CNAE 5912 Actividades de posprodución cinematográfica, de vídeo e de programas de televisión.
CNAE 5914 Actividades de exhibición cinematográfica.
CNAE 5915 Actividades de produción cinematográfica e de vídeo.
CNAE 5916 Actividades de producións de programas de televisión.

2. Prazo.

O prazo mínimo do aval da SGR contra garantido polo Igape será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia. As liñas de financiamento garantidas pola SGR poderán ser a prazos inferiores renovables.

As operacións destinadas a financiar producións audiovisuais, poderán ter un prazo de entre 1 e 5 anos.

3. Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases poderá ser:

- Fixo: 4,0% ou,
- Variable: euribor a 6 meses + tipo adicional: 3,25 (como máximo)

4. Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por tódolos conceptos na formalización será do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % por tódolos conceptos na formalización, sen prexuízo da comisión de aval, para a que poderán cobrar ata o 1,00 %, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e da aportación ao capital social da SGR, pola que poderán cobrar ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado. Todos estes conceptos determinaranse e aboaranse ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

5. Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 70 % do risco, agás nas operacións destinadas a financiar producións audiovisuais, nas que o aval acadará o 100%. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contra garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa.
O importe do préstamo a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

Disposición e utilización

O período de disposición e utilización dos fondos do contrato de financiamento iniciarase na data de formalización da operación e finalizará coa primeira amortización ou cancelación da operación, co límite máximo do 15/09/2022 para as operacións destinadas a financiar producións audiovisuais.

Investimentos ou gastos computables

A titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, que non implique a substitución doutro preexistente, nalgunha das seguintes modalidades:

1) Liñas de crédito para o adianto de efectos comerciais e facturas, garantindo o bo fin de letras de cambio, cheques, pagarés, recibos, facturas, certificacións de obra, e demais documentos civís, mercantís e administrativos, que a entidade financeira desconte, negocie ou anticipe e nos que a titular figure como librador ou beneficiario.

2) Liñas de crédito comercio exterior, garantindo o completo pago das obrigas procedentes de operacións de comercio exterior que os titulares contraian coa entidade financeira, tales como créditos documentarios, cartas de crédito, prefinanciamento e financiamento de exportacións, financiamento de importacións, etc.

3) Liñas de xestión do pago das compras ou confirming, anticipando as entidades de crédito os pagos aos provedores.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

Contía das axudas

O Igape reavalará ata o 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 8:00 h. e finalizará o 30 de setembro de 2022 ás 14:00 h, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis. De xeito xeral, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas do sector da pesca, non poderán superar 30.000 € e para as empresas do sector agrícola, redúcese a 20.000 €.

A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape, a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas en minimis implícitas no mesmo.

Referencia lexislativa

Resolución do 13 de abril de 2022 (DOG Nº76 do 21/04/2022) - Bases financiamento Igape-pemes 2022
Resolución do 5 de maio de 2022 (DOG Nº93 do 13/05/2022) - Adhesión entidades financeiras

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralle o contido do formulario electrónico da solicitude á SGR a través da Extranet de entidades colaboradoras.

Nun prazo máximo de 35 días hábiles dende a presentación da solicitude, a SGR designada deberá comunicar ao Igape a través da Extranet de entidades colaboradoras a súa decisión e a da entidade de crédito respecto á concesión da operación financeira.

Observacións

O prazo máximo para a formalización da operación financeira, ou, no seu caso, para a adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión do Igape, será de 2 meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación da concesión ao beneficiario.

A xustificación de finalidades do préstamo, deberá presentarse no prazo de 15 días hábiles seguintes á total utilización do préstamo.

* Entidades adheridas ao convenio:

- Caixa Rural Galega
- Abanca
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.
- Banco de Sabadell
- Bankinter