IG288 - IMPLANTACIÓN DE SOLUCIÓNS AVANZADAS PARA O DESENVOLVEMENTO DA ECONOMÍA CIRCULAR (2022)

Unión europea
O prazo de presentación finaliza o Xoves, 08 Setembro 2022 as 23:59 h.

Finalidade / Obxectivo

A posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única a efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.
c) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).
e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Requisitos principais do proxecto

1. Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos de simbiose industrial nos que un grupo de empresas (cun mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

2. Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), deben dirixirse a un ou varios dos seguintes obxectivos:

1.Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:

- Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.
- Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).
- Monitoraxe e control de procesos.
- Medición, monitoraxe e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.

2. Reducir a xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade dos mesmos e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:

- Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.
- Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.
- Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.
- Eco-deseño: para a redución, reutilización e reciclaxe.

3. Análise do ciclo de vida do produto:

- Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.
- Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sostible baseadas no principio ‘berce a berce’.

4. Identificación e implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos produtos.

5. Servitización: redución do consumo de recursos co cambio de enfoque a prestación de servizos.

6. Reacondicionamento, remanufactura e reparación avanzada.

7. Creación de cadeas de valor máis curtas.

No Anexo V destas bases reguladoras recóllense as definicións dos conceptos básicos que se utilizan para definir estes obxectivos.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

3. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables para a empresa solicitante, e ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración, os seguintes:
- Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.
- Requisitos de personalidade física ou xurídica e actividade económica dos solicitantes para ser beneficiarios.
- Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, procedéndose á súa valoración competitiva conxunta.

4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

5. O importe máximo de subvención será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.

Cualificación requerida do proxecto

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención e dentro de cada tipo de actuación subvencionable, serán os seguintes:

1º Calidade técnica do proxecto: ata 65 puntos, que se avaliarán con cada un dos seguintes parámetros:

i. Descrición do proxecto (15 puntos):

a. Grao de análise previa da situación: Descrición clara e concreta do problema ou a necesidade que se pretende abordar, tanto desde o punto de vista cualitativo como cuantitativo, con identificación tanto dos factores de incidencia (causas) como das consecuencias, así como as condicións de contorno (6 puntos).
b. Claridade na definición e obxectivos (6 puntos).
c. Grao de elaboración e concreción da proposta (3 puntos).

ii. Adecuación do proxecto (15 puntos):

a. Descrición de aspectos claves, actuacións e entregables (5 puntos).
b. Grao de axuste da solución proposta co modelo de negocio da empresa solicitante (2 puntos).
c. Correlación entre os obxectivos de circularidade identificados no proxecto e os investimentos e gastos propostos (2 puntos).
d. Viabilidade técnica, económica e ambiental, custo da solución e tempo de implementación, adecuación do orzamento e dos medios humanos, así como a potencialidade de xerar os suficientes recursos para asegurar a súa autosustentabilidade a medio e longo prazo (6 puntos).

iii. Tipo de solución e melloras esperadas en relación cos obxectivos indicados no artigo 1 (15 puntos):

a. Estimación cualitativa e cuantitativa das melloras esperadas, que se avaliará en función da coherencia entre o proxecto e os resultados previstos (5 puntos).
b. Tipo de solución, valorándose positivamente aquelas que incidan tanto nas causas como nos efectos dos problemas identificados e priorizando os proxectos que se enfoquen na orixe dos problemas fronte aos que aborden unicamente as súas consecuencias (10 puntos).

iv. Coherencia na organización e planificación do traballo (5 puntos).

v. Grao de madurez, nivel tecnolóxico e amplitude da solución proposta (10 puntos):

a. Valoraranse con maior puntuación os proxectos baseados en tecnoloxía máis avanzada, que afecten a maior cantidade de ámbitos da empresa, a ámbitos máis relevantes, ou desenvolvan con intensidade salientable un ámbito concreto (8 puntos).
b. Valoraranse con maior puntuación os proxectos que están listos para iniciar unha fase de prototipo ou piloto fronte aos que requiren desenvolvemento previo (2 puntos).

vi. Coñecemento e capacidades dispoñibles para acadar os obxectivos (dedicacións propias, subcontratación, consultarías) (5 puntos).

2º. Adecuación dos investimentos e capacidade económica (10 puntos):

i. Identificación de partidas, desagregación dos orzamentos (2 puntos).

ii. Calidade de ofertas e provedores (4 puntos):

• Desagregación e alcance das ofertas.
• Documentación empregada para solicitar a oferta ou adxunta a esta.

iii. Viabilidade do proxecto fronte ao volume da empresa: ratio de investimento fronte a facturación declarada na solicitude da axuda (4 puntos).

3º Alcance do proxecto: ata 15 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Número de empresas beneficiarias do proxecto: 1 punto por empresa ata un máximo de 5 puntos (para proxectos individuais: 1 punto).
ii. Alcance. Ata a cantidade máxima de 5 puntos, outorgarase 1 punto por cada un dos obxectivos descritos no artigo 1 aos que o proxecto responda.
iii. Nivel de interacción dos procesos entre empresas: ata 3 puntos, que se asignarán en función da cantidade e importancia de procesos interempresariais aos que se apliquen os obxectivos previstos. Nos proxectos individuais outorgarase 1 punto.
iv. Efecto multiplicador do proxecto, é dicir, a capacidade de ser replicado e escalado: 2 puntos.

4º Sector ou ámbito de actividade no que se desenvolva o proxecto: 10 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: Agroalimentación, Automoción, Enerxías Renovables, Madeira/Forestal, Naval/Industria marítima, Pedra Natural, Téxtil-moda.
ii. Emerxentes e de alto potencial: Aeronáutico/aeroespacial, Industria da saúde e do benestar, Industrias creativas, Biotecnoloxía, Novos materiais, Ecoindustria, TIC.

En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios 1º, 2º, 3º e 4º por esa orde. Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no art. 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto no que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, identificado no formulario electrónico de solicitude polo seu localizador no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo, de acordo co establecido no artigo 11 do Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro. No caso de que persista o empate, en último termo terá preferencia a solicitude que teña o número de expediente máis baixo.

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para poder optar á concesión da axuda en réxime de concorrencia competitiva:
Modalidades dos artigos 1.a): 50 puntos.
Modalidades dos artigos 1.b): 30 puntos.

Investimentos ou gastos computables

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

a) Sensores, equipos e sistemas para a medición, monitorizaxe, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

b) Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hidrícos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos.

c) Nova maquinaria e bens de equipo, unicamente para a reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.

d) Colaboracións externas de carácter tecnolóxico, de deseño de procesos ou produtos mais eficientes ou organizativo: asistencia técnica, eco-deseño, reenxeñería de procesos, adaptación e parametrización de solucións, consultaría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e polo tanto non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, nin calesquera outros non vencellados directamente ao obxecto da economía circular previstos no proxecto.

Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvento e implantación na empresa solicitante.

Así mesmo, non serán subvencionables aquelas colaboracións externas nas que non se indique con claridade o resultado a obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

O custo subvencionable das colaboracións externas non poderá superar o 60% dos custos totais subvencionables.

e) Nos proxectos da modalidade do artigo 1.a), se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de seres así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. A tal efecto o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda ao que se refire o artigo 6 destas bases. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

6. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.

7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerase subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente mais vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

9. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador. Este extremo acreditarase coa declaración expresa do beneficiario no formulario de solicitude de cobramento.

10. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de “empresas asociadas” ou de “empresas vinculadas” establecida nos apartados 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

11. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

12. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

Contía das axudas

A subvención será do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas.

A subvención será do 50% dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no art. 3.1.f), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 8 de setembro de 2022.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 6 destas bases, cos límites previstos no artigo 5.2.

Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE EURATOM) nº 218/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, con arranxo ao documento en que se establezan as condicións da axuda.

A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicárselle ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de xullo de 2022 (DOG Nº143 do 28/07/2022) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es
- ou en informa@igape.es

* Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I)

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos obxectivos aos que se dirixe o proxecto (artigo 1) e aos criterios de selección aplicables (artigo 6).
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.7 destas bases reguladoras.
c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 4.3.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular non poderá superar o 30 de xuño de 2023.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2022 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 2022 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2023 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de novembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022 poderán ser imputados ao 2023.

Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50% da subvención, sen que supere o importe da anualidade, no prazo de 3 meses a contar dende a concesión da axuda. Os importes anticipados na anualidade 2022 deben xustificarse con gastos realizados e pagados na mesma anualidade.