IG290 - AXUDAS PARA SUFRAGAR OS DANOS SUFRIDOS EN ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS, INDUSTRIAIS, TURÍSTICOS E MERCANTÍS, DERIVADOS DOS INCENDIOS EN GALICIA NO MES DE XULLO DE 2022

Unión europea
O prazo de presentación finaliza o Luns, 29 Agosto 2022 as 14:00 h.

Finalidade / Obxectivo

Estas bases teñen por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Tipos de apoio

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e condicións que se establecen nas presentes bases, amparadas no previsto na sección 8 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, relativa ás axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Beneficiarios potenciais

1. As persoas físicas ou xurídicas, titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen os danos derivados directamente dos incendios ou da súa extinción.
2. De conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, as persoas beneficiarias das axudas están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Investimentos ou gastos computables

1. Serán obxecto de axuda os danos orixinados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022. Para os efectos da determinación dos danos, teranse en conta os estragos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías depositadas nos citados establecementos, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.
2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.
3. A contía da axuda será do 100 % do importe dos danos causados polos incendios conforme a valoración levada a cabo no informe de taxación de danos, cos seguintes límites:
a) 600.000 euros por persoa beneficiaria.
b) A suma da axuda concedida xunto con outras axudas e/ou indemnizacións que aproben outras administracións públicas ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, para a mesma actuación, non poderá exceder do 100 % do importe dos danos causados polos incendios conforme a valoración do informe de taxación de danos.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (ata as 14:00 horas)

Incompatibilidades

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nestas bases reguladoras concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou, de ser o caso, da contía ou porcentaxe establecida nestas bases.

En todo caso, o beneficiario da axuda cederá á Administración autonómica todas as accións de que dispoña para a reclamación das cantidades achegadas por esta ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito dos beneficiarios a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan da indicada axuda.

Referencia lexislativa

Resolución do 28 de xullo de 2022 (DOG Nº144 do 29/07/2022) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es
- ou en informa@igape.es

* Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I)

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante, de ser o caso.
b) Título ou documento admisible en dereito que acredite a titularidade da persoa solicitante co establecemento afectado.
c) Título ou documento admisible en dereito que acredite a vinculación da titular do establecemento co inmoble danado.
d) Copia da póliza de seguro ou, de non ter seguro, declaración xurada de que os danos no establecemento danado non estaban asegurados.