IG253 - PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL NO SECTOR ALOXAMENTO

Unión europea
O prazo de presentación finaliza o Venres, 30 Setembro 2022 as 14:00 h.

Finalidade / Obxectivo

Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan a unha das seguintes tipoloxías:

i. Creación dun novo establecemento.
ii. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
iii. Modernización de establecementos existentes.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
No caso das agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto no artigo 5.2. das presentes bases.
b) As e mpresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

Sectores incentivables

Serán subvencionables os proxectos para o desenvolvemento das seguintes actividades:

CNAE 2009
55.1 - Hoteis e aloxamentos similares
55.2 - Aloxamentos turísiticos e outros aloxamentos de curta estadía.

Requisitos principais do proxecto

Os proxectos desta tipoloxía para os que se solicita a axuda deberán ter un importe de investimento subvencionable igual ou superior a 50.000 € e non superior a 900.000 €.

i. Os proxectos de creación dun novo establecemento deberán consistir na creación de establecementos hoteleiro de, como mínimo, unha categoría de 4 estrelas (ou de 3 estrelas superior) cando se ubiquen nos termos municipais de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago ou Ferrol, ou de 3 estrelas (ou de 2 estrelas superior), no resto do territorio da Comunidade Autónoma Galega.

ii. Nos proxectos de ampliación de capacidade dun establecemento existente deberán levarse a cabo en establecementos que conten, como mínimo, coas categorías indicadas no apartado i. anterior, e os establecementos deberán acadar, unha vez finalizados os investimentos, un incremento mínimo dun 10% da capacidade medida en número de prazas ofertadas.

iii. Os proxectos de modernización deberán consistir nos investimentos necesarios para o incremento de categoría dun establecemento hoteleiro existente, sempre que a categoría acadada sexa igual ou superior ás indicadas no parágrafo anterior para as zonas xeográficas indicadas.

Poderán ser subvencionables, así mesmo, os seguintes proxectos das tres tipoloxías anteriores consistentes en:

a) Apartamentos turítiscos. Para estes efectos, as categorías mínimas a crear, ampliar ou alcanzar, segundo corresponda, sería de 3 chaves nas 7 principales ciudades galegas relacionadas no apartado i. anterior, e de 2 chaves no resto do territorio galego. Deberán contar un informe favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre a subvencionalidade da actividade proxectada e a categoría do establecemento.

b) Instalacións de aloxamento singulares, tipo cabanas ou burbullas, entre outros. Deberán contar cun informe favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre a singularidade do establecemento e, para os efectos da aplicación dos módulos contemplados nos distintos subapartados da letra C) seguinte, deberá conter unha equivalencia á categoría de estrelas ou chaves, segundo corresponda.

Requisitos xerais:

1. A beneficiaria deberá realizar unha aportación financeira mínima do 25% dos costes subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo, exenta de calquera tipo de axuda pública.
Non se consideran exentos de apoio público, entre outros, os préstamos bonificados, os préstamos de valores ou capital públicos, as participacións públicas que non cumpran o principio de investidor nunha economía de mercado, as garantías estatais que conteñan elementos de axuda ou o apoio público outorgado dentro do ámbito da norma de minimis.

2. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só a emprendería dunha maneira limitada ou diferente. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actuación en que a empresa incorrería en calquera caso.
Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda e, se é o caso, de préstamo. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención e, se é o caso, préstamo, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.
Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

3. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión. Este prazo estará baseado no proposto polo solicitante no plan de investimentos e, con carácter xeral, rematará dentro dos 12 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión, sen que poida exceder a data establecida ao efecto na resolución de convocatoria. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.

4. Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, excepto que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, errores idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerase subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente mais vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

6. Todos os elementos do investimento proxectados deberán estar vinculados e responder á tipoloxía de proxecto para a que se solicita a axuda. Non serán subvencionables os elementos non relacionados ou que non contribúan á dita tipoloxía.

7. Os proxectos deberán estar vinculados a unha das actividades subvencionables establecidas nas presentes bases reguladoras.
No caso de establecementos nos que a solicitante desenvolva ou vaia desenvolver mais dunha actividade económica, soamente serán subvencionables os investimentos vencellados á actividade para a que se propón o proxecto, a cal deberá ser subvencionable e non terá por que ser, necesariamente, a actividade principal que desenvolva a empresa.
Cando un ou varios elementos integrantes do proxecto estea ou estean vencellados a mais dunha actividade da empresa, aos efectos de determinar o investimento subvencionable, considerarase exclusivamente o importe proporcional á vinculación do elemento en cuestión á actividade subvencionable para a que se propón o proxecto. Nestes casos:

a) Se o concepto de investimento é obra civil, construción ou reforma, ou adquisición de edificacións, e están claramente diferenciados os metros cadrados asignados a cada actividade, aos efectos de determinar o investimento subvencionable deste concepto aplicarase a proporción de metros cadrados correspondentes á actividade subvencionable.

b) Se o concepto de investimento é obra civil, construción ou reforma, ou adquisición de edificacións, e non están claramente diferenciados os metros cadrados ou corresponden a zonas comúns, considerarase subvencionable o importe do investimento proporcional á porcentaxe de facturación da empresa que supoña a actividade subvencionable nese establecemento.

c) Para os restantes elementos integrantes do proxecto de uso non exclusivo para a actividade subvencionable, considerarase subvencionable o importe do investimento proporcional á porcentaxe de facturación da empresa que supoña a actividade subvencionable nese establecemento.

8. Os proxectos deberán esta vinculados a un único establecemento e a un único titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por empresas distintas á solicitante ou noutros establecementos.

9. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.

Investimentos ou gastos computables

1. Serán subvencionables os seguintes conceptos de investimento:

1.1. Obra civil e outros conceptos inmobiliarios:

a. Nova construcción, reforma ou rehabilitación de instalacións levadas a cabo en inmobles ou terreos propiedade da solicitante, ou sobre os que a solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa -outorgados por entidades non vinculadas ao solicitante- cunha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data estimada de finalización do proxecto indicada pola solicitante.
O límite de coste subvencionable por cada concepto de investimento de obra civil nova será o que resulte da aplicación dos módulos recollidos nas bases.

A superficie considerada subvencionable por este concepto, nos casos nos que exista construcción de inmoble, será a menor das dúas seguintes:
- 5 veces a superficie construida en planta baixa.
- A superficie da parcela non construida.

O límite de coste subvencionable por cada concepto de investimento de obra civil en reforma ou rehabilitación será o que resulte da aplicación dos módulos anteriores multiplicados por 0,60. O anterior coeficiente non será de aplicación cando se trate de rehabilitacións de bens inmobles integrantes do Patrimonio Histórico Español.

b. Reformas de instalacións levadas a cabo en inmobles alugados. O arrendamento deberá ter una vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data estimada de finalización do proxecto indicada pola solicitante.
O límite de coste subvencionable por cada concepto de investimento da reforma será o que resulte da aplicación dos módulos detallados no apartado anterior multiplicados por 0,60.

c. Adquisición de edificacións ou construcións usadas para a súa reforma ou rehabilitación. Unicamente será subvencionable o valor da construción; en ningún caso será subvencionable o valor do terreo. A tal efecto, deberá indicarse, separadamente, a parte do prezo de adquisición que corresponde ao solo e a que corresponde á construción. O prezo de adquisición non poderá superar o valor de mercado. O importe da construción que poderá considerarse subvencionable será o menor entre o importe indicado no informe de taxación e o valor de adquisición.
A obra civil debe ser executada e facturada por terceiros. Non será subvencionable a adquisición de materiais de obra directamente pola solicitante.

1.2. Outros investimentos en activos fixos tanxibles ou intanxibles como, entre outros, o mobiliario, a decoración, o enxoval, televisores, domótica, menaxe, etc, co límite de coste subvencionable recollido nas bases.

Os activos intanxibles deberán reunir os seguintes requisitos:
• Utilización exclusiva no establecemento beneficiario da axuda.
• Ser amortizables.
• Adquisición en condicións de mercado a terceiros non vinculados co comprador.
• Deben formar parte do activo da empresa e permanecer vinculados ao proxecto subvencionado durante, a lo menos, 3 anos.

2. Cada unha das partidas integrantes do proxecto de investimento deberá ter un coste individual igual ou superior a 15.000€. Enténdese por partida o elemento ou grupo de elementos a subministrar ou executar por un mesmo provedor e que se inclúa nunha mesma oferta ou orzamento.
Excepcionalmente, en proxectos cun investimento subvencionable inferior a 100.000€, admitiranse ata un máximo de 3 partidas cun coste individual inferior a 15.000€.

Requisitos dos investimentos:

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, que estean vinculados ao proxecto para o que se solicita a axuda.

2. Os activos adquiridos deberán ser novos, excepto para a adquisición de construcións ou inmobles nos casos e cos requisitos nos que así se prevexa expresamente.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola beneficiaria, admitíndose, como excepción e de xeito expreso, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados nos casos nos que así se prevexa expresamente. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de “empresas asociadas” ou de “empresas vinculadas” establecida nos apartados 2 e 3, respectivamente, do Anexo I do Regulamento (UE) Nº 651/2014.

5. Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:

• Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.
• Os custos de traslado de bens equipo que xa sexan propiedade da empresa.
• Os custos de adaptacións á normativa vixente, salvo as directamente relacionadas cos elementos obxecto de investimento.
• A adquisición das instalacións nas que a solicitante viña desenvolvendo a súa actividade en réxime de aluguer ou dereito de uso de calquera tipo.

Contía das axudas

A porcentaxe de subvención resultante non excederá do 35% no caso das microempresas e pequenas empresas e de 25% no caso das medianas empresas.

A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable pola porcentaxe de subvención, que será a suma das porcentaxes obtidas na baremación dos seguintes criterios:

1. Tamaño de empresa:
Microempresa e pequena empresa: 24%
Mediana: 15%

2. Mantemento de emprego: 3%

3. Creación de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia:

- Por cada posto de traballo para ocupar por persoas con discapacidade
Microempresa: 3%
Pequena empresa: 2%
Mediana: 1%

- Por cada posto de traballo distinto do anterior:
Microempresa: 1,5%
Pequena empresa: 1%
Mediana: 0,5%

Puntuación máxima para o criterio de creación de emprego:
Microempresa e pequena empresa: 3%
Mediana: 2%

4. Achega de certificación ambiental relacionada cos obxectivos do Pacto Verde Europeo: 5%

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda e, se é o caso, préstamo, comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022 ás 14:00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

1. Estas axudas e préstamos son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere a contía establecida no artigo 13 destas bases.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Referencia lexislativa

Resolución do 4 de agosto de 2022 (DOG Nº154 do 12/08/2022) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización.

Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

a) Documentación do expediente administrativo:

1. Certificado de situación censual expedido pola AEAT ou, no caso de nova actividade ou novos establecementos, compromiso de alta no IAE dentro do período de execución do proxecto.
2. Documentación xurídica da personalidade da solicitante:
i) Para sociedades ou entidades xa constituídas:
- Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de agrupacións referirase ao representante ou apoderado único da agrupación.
No caso de sociedades inscritas no Rexisto Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluir sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
- No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, achegará as contas anuais consolidadas. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta aos efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
- No caso de suxeitos pasivos do Imposto sobre Sociedades, autoliquidación do Imposto sobre Sociedades do último exercicio impositivo para o que estivese vencido o prazo para a súa presentación voluntaria.
- No caso de persoas físicas ou entidades que non sexan suxeitos pasivos do Imposto sobre Sociedades, autoliquidación do IRPF do empresario e/ou dos socios, segundo o caso, referida ao último período impositivo para o que estivese vencido o prazo para a súa presentación voluntaria.
ii) Para sociedades en constitución:
- Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
- Proxecto de estatutos da sociedade.
Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade á emisión da proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida no apartado i) anterior, deberá ser presentada no Igape con anterioridade á resolución do expediente. Se non fose presentada, de oficio ou previo requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.
3. Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.
4. Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solictide.
5. En relación á declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións das mesmas.
6. No caso de actuacións sobre establecementos existentes: resolución da Axencia de Turismo de Galicia, ou entidade equivalente, respecto da cualificación ou categoría do establecemento na data de solicitude da axuda.

b) Documentación relativa aos investimentos:

1. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, deba ter solicitado o solicitante, de acordo co establecido no artigo 7.4 destas bases reguladoras.
No caso de elementos para os que, polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os subministren: informe emitido por persoa independente e experta na materia, acreditativo desta circunstancia.
No caso de elementos para os que se pretenda a subvencionalidade dunha oferta económica distinta da de menor importe: informe emitido por persoa independente e experta na materia, acreditativo de que foi escollida a oferta económicamente mais vantaxosa, tendo en conta criterios adicionais ao prezo. Deberá conter unha descrición e explicación dos criterios contemplados e do modo en que estes foron valorados.
2. Para cada un dos elementos integrantes do investimento proxectado para os que non sexa de aplicación o previsto no apartado anterior, deberá achegarse, como mínimo, unha oferta ou orzamento.
3. Cadro de ofertas segundo o modelo que figura no formulario de solicitude.
4. No caso de obra civil deberán presentar os seguintes planos:
i) Esbozo de localización dentro do termo municipal.
ii) Plano xeral acoutado das instalación, diferenciando a situación anterior da posterior á realización do investimento –no que deberá poder verificarse a superficie correspondente a cada concepto de obra civil previsto nos módulos incluidos no apartado C) 1.1..a. do presente cadro de especificacións.
iii) Planos de distribución en planta, nos que se aprecien os espazos da nova construcción e a instalación dos novos equipamentos.
Para estes efectos, cando se trate de obras menores, como as necesarias para a instalación dos equipos subvencionables, entre outras, non será preceptiva a aportación dos planos referidos anteriormente.
5. Adicionalmente, para os seguintes tipos de actuacións realacionadas con inmobles, deberán presentar:
i) No caso de obra civil de construción en terreo propio: título de propiedade do terreo.
ii) No caso de obra civil de construcción en terreo con concesión administrativa ou dereito de superficie: documento acreditativo da concesión ou do dereito de superficie, que deberá ter unha duración superior a 5 anos a contar desde a data de finalización estimada do proxecto que figure no formulario de solicitude.
iii) No caso de reforma dun inmoble (nave, edificio, local…) propio: documentación acreditativa da titularidade do inmoble.
iv) No caso de reforma en inmobles arrendados ou sobre os que exista un dereito de uso: contrato de arrendamento do inmoble, ou documento que acredite o dereito de uso da instalación, cunha duración mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización estimada do proxecto que figure no formulario de solicitude.
v) No caso de adquisición de edificacións xa construidas novas: certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, seguno establece o artigo 28.7 da Lei 9/2007, que certifique o valor de mercado dos bens a adquirir, no que deberán aparecer separados o valor do terrero do da construcción.
vi) No caso de adquisición de edificiacións xa construidas usadas:
- Declaración do vendedor sobre que a edificación ou construción non foi obxecto de ningún tipo de subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
- Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, segundo establece o artigo 28.7 da Lei 9/2007, que certifique o valor de mercado dos bens a adquirir, no que deberá figurar desagregado o valor do terreo e o valor da construción.
Esta taxación deberá certificar, así mesmo, que o valor de mercado dos bens a adquirir é inferior ao custo de bens novos similares.
vii) No caso de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, con abandono de instalación propiedade da empresa solicitante ou dos seus socios maioritarios: Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, segundo establece o artigo 28.7 da Lei 9/2007, que certifique o valor de mercado das instalación a abandonar, no que deberá figurar desagregado o valor do terreo e o valor da construción.
No caso de enaxenación das instalacións que se abandonan con anterioridade á resolución da solicitude: contrato de compravenda.
viii) No caso de actuacións de rehabilitación de inmobles integrantes do Patrimonio Histórico Español: acreditación de tal circunstancia.

c) Documentación relativa aos criterios baremables:

1. Criterios de mantemento e creación de emprego:
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta do informe de vida laboral, deberán achegar o informe de vida laboral na data da solicitude e o certificado de estar ao corrente coas obrigas da Seguridade Social.
No caso de creación de emprego a ocupar por persoas con discapacidade, deberán presentar unha declaración responsable das persoas con discapacidade que ten contratada a empresa con carácter indefinido, na data da solicitude. Computarase a equivalencia correspondente da xornada efectiva respecto á xornada completa.
2. Criterios de aliñamento cos obxectivos do Pacto Verde Europeo: achegarase certificación medioambiental da empresa relacionada cos obxectivos e propostas do Pacto Verde Europeo. Poderá estar relacionada, entre outras, coa xestión ambiental global, a economía circular, a eficiencia enerxética, ou a redución de emisións.
d) Se se solicita préstamo parcialmente reembolsable, documentación complementaria a presentar xunto coa solicitude de préstamo:
1. Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIRBE) correspondente ao último período disponible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electrónicamente, que a solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).
2. Balance de situación e conta de perdas e ganancias referidos a unha data e período recentes, respectivamente.
3. Memoria para a cualificación do risco de crécito co seguinte contido:
- Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa.
- Capacidades básicas: estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control.
- Capacidade técnica da entidade: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais.
- Capacidade tecnolóxica da entidade: recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i.
- Capacidade económica da entidade: análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade.
4. Acreditamento da dispoñibilidade do financiamento necesario para levar a cabo o proxecto, respectando, como mínimo, o 25% de contribución financeira exenta de apoio público.
5. Plan económico financiero da empresa, que deberá incorporar proxeccións da conta de perdas e ganancias e dos fluxos de efectivo previsionais anualizados para un mínimo dos 5 anos seguintes, cunha descrición razoada das hipóteses nas que se fundamentan as previsións e, en particular, cunha análise do impacto do proxecto obxecto de solicitude.
Complementariamente e con carácter facultativo, o Igape poderá solicitar, motivadamente, a achega daqueloutra documentación xustificativa para os efectos da valoración da subvencionalidade do proxecto ou da avaliación do risco de crédito.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de setembro de 2024.

O prazo para solicitar a disposición do préstamo determinarase na resolución de concesión para cada caso, non podendo superar o 30 de novembro de 2023. O tramo non reembolsable terá a consideración de pago anticipado de subvención.

As pemes interesadas poderán presentar un máximo de dúas solicitudes de axuda ao amparo das liñas reguladas nas presentes bases reguladoras. En todo caso, o importe de investimento subvencionable acumulado para todas as solicitudes dun mesmo solicitante nesta convocatoria non excederá de 1.200.000 €. Para estes casos, será aplicable, cando proceda, o previsto no parágrafo anterior, sento a contía máxima acumulada á que será axustado o investimento subvencionable a de 1.200.000 €.