IG287 - AXUDAS AO INVESTIMENTO EN EQUIPAMENTO PRODUTIVO (2022)

Unión europea
O prazo de presentación finaliza o Venres, 30 Setembro 2022 as 14:00 h.

Finalidade / Obxectivo

Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que impliquen unha ampliación de capacidade dun establecemento existente.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
No caso das agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto no artigo 5.2. das presentes bases.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

Sectores incentivables

1. Serán subvencionables os investimentos proxectados para o desenvolvemento das actividades relacionadas, para cada modalidade do Anexo I, no apartado B)

2. De acordo coa normativa aplicable, en todo caso, exclúense as seguintes actividades:

a) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas as empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.

b) As actividades de produción e primeira comercialización dos produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e as actividades de transformación de productos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea en productos agrícolas enumerados no dito anexo I.

c) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector do transporte, así como as infraestruturas conexas e a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

Requisitos principais do proxecto

Os proxectos desta tipoloxía para os que se solicita a axuda deberán ter un importe de investimento subvencionable igual ou superior a 25.000 € e non superior a 900.000 €.
Nos proxectos de ampliación de capacidade dun establecemento existente deberá acadarse, unha vez finalizados os investimentos, un incremento mínimo dun 10 % da capacidade produtiva medida en unidades vendidas ou en valor da produción.

Requisitos xerais:

1. A beneficiaria deberá realizar unha aportación financeira mínima do 25% dos costes subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo, exenta de calquera tipo de axuda pública.

2. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só a emprendería dunha maneira limitada ou diferente. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actuación en que a empresa incorrería en calquera caso.
Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda e, se é o caso, de préstamo. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención e, se é o caso, préstamo, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

3. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión. Este prazo estará baseado no proposto polo solicitante no plan de investimentos e, con carácter xeral, rematará dentro dos 12 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión, sen que poida exceder a data establecida ao efecto na resolución de convocatoria. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.

4. Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra) a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da prestación do servizo ou da adquisición do ben, excepto que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

6. Todos os elementos do investimento proxectados deberán estar vinculados e responder á tipoloxía de proxecto para a que se solicita a axuda. Non serán subvencionables os elementos non relacionados ou que non contribúan á dita tipoloxía.

7. Os proxectos deberán estar vinculados a unha das actividades subvencionables establecidas nas presentes bases reguladoras.

No caso de establecementos nos que a solicitante desenvolva ou vaia desenvolver mais dunha actividade económica, soamente serán subvencionables os investimentos vencellados á actividade para a que se propón o proxecto, a cal deberá ser subvencionable e non terá por que ser, necesariamente, a actividade principal que desenvolva a empresa.
Cando un ou varios elementos integrantes do proxecto estea ou estean vencellados a mais dunha actividade da empresa, aos efectos de determinar o investimento subvencionable, considerarase exclusivamente o importe proporcional á vinculación do elemento en cuestión á actividade subvencionable para a que se propón o proxecto.

8. Os proxectos deberán esta vinculados a un único establecemento e a un único titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por empresas distintas á solicitante ou noutros establecementos, salvo no previsto nas excepcións previstas nos dous seguintes parágrafos.
Poderá ser subvencionable a adquisición de “útiles para provedores”, entendidos estes como máquinas, ferramentas ou equipos e aplicacións informáticas conexas, non para o uso da solicitante no establecemento, senón para poñelos a disposición de provedores seleccionados para a produción de produtos por parte do provedor que servirán como materias primas ou produtos intermedios no proceso de produción da solicitante. Estes activos serán propiedade da empresa solicitante, pero póñense a disposición do provedor para as tarefas e nas condicións definidas nun contrato de subministración ou acordo similar.
Igualmente poderá ser subvencionable a adquisición de equipamento para cuxa utilización sexa necesaria e imprescindible a súa instalación nos establecementos dos clientes da solicitante. Estes activos serán propiedade da empresa solicitante e soamente localizaranse nas instalacións do cliente mentres permaneza vixente a súa relación comercial.

9. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.

Investimentos ou gastos computables

Bens de equipamento: maquinaria de proceso, ferramenta (incluídos os moldes, modelos e cuños) e outros bens de equipamento relacionados co proceso produtivo e co proxecto de ampliación de capacidade presentado.

En ningún caso terán a consideración de bens de equipamento as obras necesarias para a súa instalación nin outros gastos accesorios, distintos do propio equipamento facturado directamente polo provedor.

O número de bens de equipamento incluídos na solicitude de axuda non poderá ser superior a 3.

Un ben de equipamento poderá levar incorporados accesorios que, en todo caso, formarán parte do mesmo contrato, e deberán ser incluídos na oferta ou orzamento conxuntamente co equipo vinculado.

Requisitos dos investimentos:

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, que estean vinculados ao proxecto para o que se solicita a axuda.

2. Os activos adquiridos deberán ser novos.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola beneficiaria. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de “empresas asociadas” ou de “empresas vinculadas”

5. Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:

• Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.
• Os custos de traslado de bens equipo que xa sexan propiedade da empresa.
• Os custos de adaptacións á normativa vixente, salvo as directamente relacionadas cos elementos obxecto de investimento.

Contía das axudas

A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes porcentaxes:

- 30 %, no caso das pequenas empresas.
- 20 %, no caso das medianas empresas

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda e, se é o caso, préstamo, comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022 ás 14:00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

1. Estas axudas e préstamos son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere a contía establecida no artigo 13 destas bases.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

Referencia lexislativa

Resolución do 4 de agosto de 2022 (DOG Nº154 do 12/08/2022) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización.

Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

Documentación complementaria que se debe presentar xunto coa solicitude de axuda e, se é o caso, de préstamo:

a) Documentación do expediente administrativo:

1. Certificado de situación censual expedido pola AEAT ou, no caso de novas actividades ou novos establecementos, compromiso de alta no IAE dentro do período de execución do proxecto.
2. Documentación xurídica da personalidade da solicitante:
- Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de agrupacións, referirase ao representante ou apoderado único da agrupación.
No caso de sociedades inscritas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
- No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, achegará as contas anuais consolidadas. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
- No caso de suxeitos pasivos do imposto sobre sociedades, autoliquidación do imposto sobre sociedades do último exercicio impositivo para o que estivese vencido o prazo para a súa presentación voluntaria.
- No caso de persoas físicas ou entidades que non sexan suxeitos pasivos do imposto sobre sociedades, autoliquidación do IRPF do empresario e/ou dos socios, segundo o caso, referida ao último período impositivo para o que estivese vencido o prazo para a súa presentación voluntaria.

3. Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.

4. Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.

5. En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións delas.

b) Documentación relativa aos investimentos:

1. As tres ofertas que, deba ter solicitado o solicitante, de acordo co establecido no artigo 7.4 destas bases reguladoras.
2. Para cada un dos elementos integrantes do investimento proxectado para os que non sexa de aplicación o previsto no punto anterior, deberá achegarse, como mínimo, unha oferta ou orzamento.
3. Cadro de ofertas segundo o modelo que figura no formulario de solicitude.
4. No caso de investimentos vencellados a máis dunha actividade económica da empresa: declaración responsable da vinculación proporcional, de cada un dos elementos do investimento proxectado, á actividade para a que se propón o proxecto.
5. No caso de investimentos en «útiles para provedores» ou equipamento que se localicen nas instalacións dos clientes: informe emitido por persoa independente e experta na materia, xustificativo da necesaria localización dos elementos obxecto de investimento nas instalacións do provedor ou do cliente, segundo corresponda.

c) Se se solicita préstamo parcialmente reembolsable, documentación complementaria que se debe presentar xunto coa solicitude de préstamo:

1. Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIRBE) correspondente ao último período disponible,
2. Balance de situación e conta de perdas e ganancias referidos a unha data e período recentes, respectivamente.
3. Memoria para a cualificación do risco de crédito co contido enumerado nas bases.
4. Acreditamento da dispoñibilidade do financiamento necesario para levar a cabo o proxecto, respectando, como mínimo, o 25 % de contribución financeira exenta de apoio público.
5. Plan económico financiero da empresa, que deberá incorporar proxeccións da conta de perdas e ganancias e dos fluxos de efectivo previsionais anualizados para un mínimo dos 5 anos seguintes, cunha descrición razoada das hipóteses en que se fundamentan as previsións e, en particular, cunha análise do impacto do proxecto obxecto de solicitude.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de setembro de 2024.

O prazo para solicitar a disposición do préstamo determinarase na resolución de concesión para cada caso, non podendo superar o 30 de novembro de 2023. O tramo non reembolsable terá a consideración de pago anticipado de subvención.

As pemes interesadas poderán presentar un máximo de dúas solicitudes de axuda ao amparo das liñas reguladas nas presentes bases reguladoras. En todo caso, o importe de investimento subvencionable acumulado para todas as solicitudes dun mesmo solicitante nesta convocatoria non excederá de 1.200.000 €. Para estes casos, será aplicable, cando proceda, o previsto no parágrafo anterior, sento a contía máxima acumulada á que será axustado o investimento subvencionable a de 1.200.000 €.