IG193 - AXUDAS ÁS AGRUPACIÓNS EMPRESARIAIS INNOVADORAS EMERXENTES (CLÚSTERES EMERXENTES)

O prazo de presentación finaliza o Xoves, 15 Decembro 2022 as 14:00 h.

Finalidade / Obxectivo

As presentes bases teñen por finalidade o fomento da cooperación para a competitividade e a innovación empresarial en distintos ámbitos de interese para a actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes) para a posta en marcha do clúster emerxente, cofinanciando a elaboración do seu primeiro plan estratéxico ou a posta en marcha de iniciativas prioritarias contidas nese primeiro plan estratéxico, no caso de que fose elaborado con anterioridade.

A tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha relación descritiva e cuantificada dos custos de elaboración do plan estratéxico ou da listaxe de proxectos que promoverá durante o período de vixencia da axuda.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva. Réxime de minimis

Beneficiarios potenciais

1. As axudas contempladas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes), que cumpran as seguintes condicións:

a) Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster, cunha antigüidade inferior a tres anos á data de solicitude da axuda e domicilio social en Galicia.

b) Que representen unha cadea de valor arredor dun sector de actividade eminentemente industrial, ou ben, que representen un agrupamento transversal (por tecnoloxía ou por mercado obxectivo) que teña impacto na dixitalización ou na sostibilidade de tecido empresarial.

c) Que, en calquera das dúas posibilidades anteriores, representen a un subconxunto da actividade empresarial galega cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1% no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2021.

d) Que cando menos o 60% dos seus asociados directos iniciais sexan empresas e, destas, que o 50% ou máis dispoñan dun centro de traballo en Galicia.

e) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Requisitos principais do proxecto

1. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde o 1 de xullo de 2022 ata a data máxima de execución establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral, polas características da agrupación clúster:

1º Importancia da actividade na economía galega: a partires do requisito mínimo do 1% establecido no artigo 4.1.c): 5 puntos por cada 0,2% adicional de facturación conxunta sobre o PIB galego ata un máximo de 25 puntos.
2º Fortaleza da entidade clúster emerxente: número de empresas asociadas galegas ou con centro de traballo en Galicia á data de solicitude. 1 punto por empresa ata un máximo de 25 puntos.
3º Encaixe da entidade no soporte ou representatividade dos sectores estratéxicos da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0: 20 puntos si o núcleo da cadea de valor representada se centra nun eido de actividade prioritario (estratéxico ou emerxente e de alto potencial) definido na axenda. 15 puntos si se trata de un eido transversal tecnolóxico de valor industrial.
4º Informe de antecedentes e xustificación da importancia da iniciativa clúster: ata 20 puntos
5º Existencia de centros ou institucións tecnolóxicas ou de investigación entre os socios iniciais do clúster: 5 puntos por cada un ata un máximo de 10 puntos.

Investimentos ou gastos computables

Poderán concederse axudas á posta en marcha ou desenvolvemento temperá das entidades clúster emerxentes para os seguintes conceptos subvencionables:

1. Os salarios brutos de persoal con contrato laboral, actual ou de nova contratación, que se dedique a xestión dos proxectos propostos para a posta en marcha do clúster emerxente, en proporción á súa dedicación.

2. Os custos de colaboracións externas para o desenvolvemento dos proxectos.

3. Custos de auditoría da conta xustificativa aos que se refire o artigo 18.5 destas bases reguladoras.

Aos efectos desta axuda considérase Salario bruto as retribucións do persoal que teñan a consideración de concepto retributivo. Non terán esa consideración os finiquitos e indemnizacións por finalización de contrato por calquera causa, as dietas nin as compensacións de transporte ou comida. O período no que o traballador estea de baixa por incapacidade laboral non computará aos efectos de xustificar o gasto. As retribucións non periódicas como pagas por produtividade, beneficios ou similares, aínda que teñan a consideración de salario, só se terán en conta como gasto subvencionable se estiveran recollidas no convenio colectivo de aplicación ou en pacto particular co traballador con anterioridade á publicación destas bases, o que deberá acreditar o beneficiario.

Non se aceptarán con cargo a estas axudas incrementos retributivos agás os derivados da aplicación das leis, do convenio colectivo ou do cumprimento de sentenzas. A estes efectos, a entidade solicitante deberá certificar o salario bruto anual percibido por cada traballador dedicado no último exercicio. No caso de contratacións novas deberán declarar as condicións nas que se fará dita contratación en canto a tipo de contrato, duración, categoría profesional, funcións e retribución total anual diferenciando salario por todos os conceptos e custo da Seguridade Social.

O persoal tamén poderá ser autónomo economicamente dependente da agrupación, conforme á Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto de Traballo Autónomo e ao Real Decreto 197/2009, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve o Estatuto do Traballo Autónomo en materia de contrato do traballador autónomo economicamente dependente e o seu rexistro e créase o Rexistro Estatal de asociacións profesionais de traballadores

Un traballador con contrato laboral non poderá ao mesmo tempo facturarlle á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta. A estes efectos a auditoría da conta xustificativa aos que se refire o artigo 18.5 destas bases reguladoras deberá conter unha mención expresa sobre este extremo.

Contía das axudas

A subvención será do 80% dos custos relacionados no artigo 5, cun máximo de axuda por entidade de 100.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado dende as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o prazo dun mes.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100% do custo subvencionable aprobado.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de mínimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de mínimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 7 de novembro de 2022 (DOG Nº216 do 14/11/2022) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

• Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos, para iso, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter toda a información necesaria para acreditar os requisitos e condicións dos artigos 1 e 4, e mención explícita aos criterios sinalados no artigo 7 destas bases.

b) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

c) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

Observacións

O prazo de execución dos gastos subvencionables non poderá superar o 30 de xuño de 2024.
Os beneficiarios deberán presentar solicitudes de cobramento parcial da subvención para cada anualidade do proxecto.
Os beneficiarios deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención ata o 15 de decembro de 2022 para os gastos incorridos no 2022, ata o 15 de novembro de 2023 para os gastos incorridos no 2023 e ata o 30 de xuño de 2024 para os gastos do exercicio 2024. Os gastos incorridos entre o 16 de decembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022 poderán ser imputados á anualidade 2023 e os gastos incorridos entre o 16 de novembro de 2023 e o 31 de decembro de 2023 poderán ser imputados á anualidade 2024.