IG239 - OBRADOIROS MULTIDISCIPLINARES DE DIXITALIZACIÓN, SUSTENTABILIDADE E LOXÍSTICA AVANZADA (2024)
Finalidade / Obxectivo
Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais nos eidos da dixitalización, a sustentabilidade ou a loxística avanzada, susceptibles de optar ás axudas establecidas noutras convocatorias do Igape ou outras administracións galegas ou estatais; ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.
Tipos de apoio
Subvención en réxime de concorrencia competitiva.
O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma e están suxeitos ao réxime de minimis.
Beneficiarios potenciais
1. Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou «hubs» de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008 polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros).
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
Requisitos principais do proxecto
As temáticas formuladas en cada obradoiro deberán responder a un ou varios destes eidos: dixitalización empresarial ou transformación dixital, sustentabilidade en calquera das súas vertentes, economía circular, redución de pegadas de carbono ou hidrícas, biodiversidade, etc. ou tamén dirixidos á mellora da función loxística nas empresas, con obxectivos de avanzar na loxística avanzada e sustentable.
Estes espazos de encontro (obradoiros) terán carácter eminentemente presencial, aínda que poderá complementarse con outras actividades non presenciais que contribúan ao mellor fin do obradoiro.
Tendo en conta as tendencias e aprendizaxe provocada pola pandemia, aclárase que se considerará que un encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes se atopen simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.
Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través de unha ou varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.
En cada espazo de encontro (obradoiro) deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas, considerando o total das sesións celebradas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes no correspondente espazo de encontro (obradoiro); para determinar ese número mínimo de asistentes á reunión, aplicarase a fracción de 2/3 ao número de empresas participantes tidas en conta para baremar o proxecto (un máximo de 10), redondeando ao número enteiro máis próximo. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.
Cualificación requerida do proxecto
Os proxectos deberán acadar 50 puntos na baremación para seren aprobados.
Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:
1º. Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes (mínimo 6 empresas): 5 puntos por cada empresa por enriba do mínimo definido ata un máximo de 20 puntos.
2º. Calidade técnica do proxecto: ata 50 puntos.
3º. Impacto da temática do obradoiro nos retos da RIS3 para Galicia: 10 puntos, que se outorgarán comparativamente aos proxectos en función do seu grao de encaixe con algún ou varios dos retos definidos na RIS3 Galicia.
Este aspecto debe estar xustificado na memoria de solicitude do proxecto.
4º. Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos finalizados a partir do 1 de xaneiro de 2021, ata un máximo de 20 puntos:
En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios 1º, 3º, 4º e 5º, por esa orde. En caso de persistir o empate, determinarase a precedencia polo número de expediente máis baixo.
Investimentos ou gastos computables
1. Poderanse subvencionar os seguintes gastos en que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:
a) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, exclusivamente para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.
b) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Acreditarase coa documentación indicada nas bases.
c) Gastos de persoal do organismo intermedio:
1º. Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro se contrata a un colaborador externo.
2º. Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio. Neste caso, terá que dispor dunha experiencia mínima de 3 proxectos de dirección e dinamización de grupos desenvolvidos con persoal propio nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda. Esta experiencia deberá declararse no formulario electrónico de solicitude de axuda e describirse en detalle na memoria.
En calquera caso, na memoria deberá detallarse o método de determinación da imputación dos gastos de persoal ao proxecto.
2. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.
3. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores,
4. Cando o importe do concepto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben) a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, excepto que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren.
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa logo da valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.
5. En ningún caso o custo de adquisición dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Contía das axudas
A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 € por proxecto e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis.
Co obxectivo de fomentar a diversidade de obradoiros, unha mesma entidade poderá presentar varias solicitudes, pero establécese un límite máximo de subvención por entidade beneficiaria de 75.000 € para o total de solicitudes concedidas. No caso de que se supere o dito importe, axustarase o importe de subvención no proxecto con menor precedencia.
Cada organismo intermedio poderá presentar un máximo de tres proxectos na mesma convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e ata as 14.00 horas do 2 de febreiro de 2024.
Incompatibilidades
Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.
Referencia lexislativa
Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG Nº232 do 07/12/2023) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 5 de xuño de 2024(DOG Nº114 do 13/06/2024) - Resolución definitiva
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, a persoa beneficiaria deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I)
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante
Presentarase unha solicitude por cada obradoiro dirixida a algunha das temáticas definidas no artigo 1. No caso de que un obradoiro conteña unha mestura de temáticas, as persoas solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha delas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada organismo intermedio poderá presentar un máximo de tres proxectos na mesma convocatoria. No caso de que algún organismo intermedio presente máis de tres proxectos, serán unicamente considerados os tres primeiros, por estrita orde de entrada.
2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.
b) De ser o caso, desagregación mensual do custo de persoal do organismo intermedio implicado na execución do proxecto: salario bruto e Seguridade Social da empresa.
c) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 3.4 destas bases reguladoras.
d) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes.
e) Acreditación da representación con que se actúa.
f) No caso de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, a declaración deberá indicar a pro rata definitiva do último exercicio pechado, sendo responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.
Observacións
O prazo de execución non poderá superar o 30 de xuño de 2025.
As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de decembro de 2024 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de decembro de 2024 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2025 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de decembro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputados ao 2025.