IG288 - AXUDAS Á IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS PARA O AVANCE NO CUMPRIMENTO DE CRITERIOS AMBIENTAIS, SOCIAIS E DE GOBERNANZA (ASG) NAS PEMES 2024 (IG300F)
Finalidade / Obxectivo
1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza) nas pemes, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos ou subprodutos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos individuais nos que unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade.
b) Proxectos colectivos de simbiose industrial nos que un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais ou propor actuacións de impacto social de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o impacto social, o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.
Tipos de apoio
Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.
Beneficiarios potenciais
1 As pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.
2. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.b), as persoas interesadas deberán previamente constituír unha agrupación. Dita agrupación terá que estar constituída polo menos por tres pemes con centro de traballo en Galicia. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.
No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única a efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial, nin nos proxectos individuais (modalidade a) nin como pemes membros das agrupacións previstas nos proxectos colectivos (modalidade b).
c) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise.
e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente.
f) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros.
Sectores incentivables
1. De acordo coa norma que dá cobertura ás presentes bases, exclúense de axuda as seguintes actividades:
a) A produción e comercialización agrícola primaria.
b) Sector dos produtos da pesca e da acuicultura.
Respecto aos investimentos e non aos custos de asistencia técnica, exclúense tamén as realizadas nos seguintes sectores de actividade:
a) Os sectores do aceiro, o lignito e o carbón.
b) O sector do transporte.
2. Exclúense tamén as seguintes actividades:
a) A produción e distribución de enerxía e infraestruturas enerxéticas.
b) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos do tabaco.
c) A produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
Requisitos principais do proxecto
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
- Proxectos individuais nos que unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade.
- Proxectos colectivos de simbiose industrial nos que un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais ou propor actuacións de impacto social de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o impacto social, o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.
Os proxectos propostos, deben dirixirse a un ou varios dos 18 obxectivos que se agrupan en 4 tipoloxías: Globais, Ambientais, Sociais ou Gobernanza:
* Globais:
1. Auditoría e Avaliación de riscos ASG: proxectos de identificación, diagnose e propostas de xestión dos riscos relacionados cos factores ASG.
2. Consultaría e certificación de empresa B-CORP.
* Ambientais:
Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:
3. Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.
4. Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).
5. Monitoraxe e control de procesos.
6. Medición, monitoraxe e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.
Redución da xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade dos mesmos e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:
7. Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.
8. Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.
9. Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.
10. Consultaría e certificación de Eco-deseño: ISO 14006.
Análise do ciclo de vida do produto:
11. Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.
12. Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sostible baseadas no principio ‘berce a berce’.
Sociais:
13. Diversidade e inclusión: elaboración de plans de fomento dun entorno de traballo inclusivo e diverso, promoción da igualdade de oportunidades e da diversidade en todos os niveis da empresa.
14. Ética Laboral: propostas de prácticas laborais xustas e éticas, cara a asegurar condicións de traballo seguras e respectuosas.
15. Elaboración de programas de investimento na Comunidade: participación en actividades que beneficien ás comunidades locais, programas de educación, saúde ou desenvolvemento comunitario.
Gobernanza:
16. Estruturas das Xuntas Directivas: análises e propostas de establecemento de Xunta Directiva diversa e independente que supervise e guíe as decisións estratéxicas da empresa.
17. Transparencia Financeira: propostas de mellorar a información financeira e a súa divulgación cara a garantir a transparencia.
18. Ética empresarial: desenvolvemento de códigos de conducta empresarial que promovan a ética e a integridade en todas as operacións.
Cualificación requerida do proxecto
Proxectos individuais:
Importe mínimo por empresa: 12.000 euros
Subvención máxima por empresa: 60.000 euros
Subvención máxima por proxecto: 60.000 euros
Subvención máxima en proxectos só de consultaría, por empresa: 30.000 euros
Proxectos colectivos:
Importe mínimo por empresa: 10.000 euros
Subvención máxima por empresa: 50.000 euros
Subvención máxima por proxecto: 200.000 euros
Subvención máxima en proxectos só de consultaría, por empresa: 25.000 euros
• Cando un proxecto individual ou colectivo, só de consultaría, se refira a un traballo específico para un só dos 18 obxectivos previstos, o importe máximo subvencionable por empresa será de 15.000 €.
• Nos supostos nos que se contempla a certificación, os custos de certificación non se consideran incluídos nos límites anteriores establecidos para custos de consultaría.
Investimentos ou gastos computables
1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:
a) Activos materiais e inmateriais (que para ser subvencionables deben contabilizarse nunha conta contable do grupo 2):
i. Sensores, equipos e sistemas para a medición, monitorizaxe, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.
ii. Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hidrícos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos, así como os gastos de desenvolvemento do devandito software. En ningún caso serán subvencionables os gastos de mantemento ou o cánon dixital.
iii. Nova maquinaria e bens de equipo, unicamente no caso de que se trate de equipos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.
b) Servizos de consultaría externa, de deseño de procesos ou de produtos máis eficientes, ou organizativa (debe contabilizarse nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica, eco-deseño, reenxeñería de procesos, programas de responsabilidade social ou propostas dirixidas a mellorar a gobernanza, a xestión de riscos ASG ou cara a certificación B Corp. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e polo tanto non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outros non vencellados directamente ao obxecto do proxecto ASG proposto. Tamén serán subvencionables os custos das certificacións previstas nomeadas no apartado 2 do artigo 1.
Os conceptos subvencionables, poderán reclasificarse de oficio atendendo á súa descrición.
Non serán subvencionables aquelas colaboracións externas nas que non se indique con claridade o resultado que se vai obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.
Nos proxectos da modalidade colectiva do artigo 1.1.b), se se opta por contar cun organismo intermedio, serán subvencionables os gastos de coordinación do proxecto ata un máximo de 1.000 €/empresa (IVE excluído) participante no proxecto, co límite total de 6.000 €. Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultaría externa e dividirase entre todas as pemes participantes.
2. As pemes beneficiarias de subvención deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% do importe subvencionable, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.
3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos importes alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de seres así, o proxecto desa peme sería non subvencionable.
4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión.
5. No seu caso, os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.
6. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.
7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente núme¬ro de entidades que os subministren.
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.
9. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador.
10. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
11. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.
Contía das axudas
1. Investimentos: a subvención será do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas.
2. Colaboracións externas: a subvención será do 50% dos gastos de colaboracións externas en servizos de consultaría ou certificación subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no art. 3.1.f), de existiren, terán tamén a consideración de colaboracións externas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes, iniciarase ao día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia dende as 8.00 horas, e ata as 14.00 horas do día 16 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Incompatibilidades
Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas, xa que prevén outorgar as porcentaxes máximas permitidas aos proxectos subvencionados.
Referencia lexislativa
Resolución do 26 de abril de 2024 (DOG Nº90 do 08/05/2024) - Bases reguladoras e convocatoria 2024
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
*Tramitación:
1. A entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
2. Presentarase unha solicitude por proxecto en modalidade individual ou colectiva. No caso de que o proxecto conteña unha mestura de varias tipoloxías (Global, Ambiental, Social, Gobernanza) nos que se agrupan os obxectivos descritos no artigo 1, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable.
As pemes poderán presentar un único proxecto individual e participar tamén nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.
Cada agrupación só poderá presentar un proxecto colectivo.
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante.
Deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos obxectivos aos que se dirixe o proxecto (artigo 1).
b) As tres ofertas, se é o caso.
c) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) Poder do representante que presenta a solicitude, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
e) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación.
Observacións
O prazo de execución dos proxectos: comezará a partir da data de solicitude de axuda e será con carácter xeral de 9 meses dende a data de resolución, sen que, en ningún caso, se poida superar o 30 de xuño de 2025. Para os proxectos cuxo prazo de execución remate antes do 30 de outubro de 2024, o prazo de xustificación será o 30 de outubro de 2024, e como máximo o 30 de xuño de 2025 para o resto dos proxectos; as accións realizadas entre o 31 de outubro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas ao 2025.
Prazo de xustificación: coincide co prazo de execución, as persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento ata a data límite de execución concedida para os mesmos.
As persoas beneficiarias da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 80% da subvención.