IG260 - PRÉSTAMOS PARA INVESTIMENTOS ESTRATÉXICOS (2023)

Finalidade / Obxectivo

Financiar proxectos de novos investimentos, intervencións de ampliación da capacidade produtiva e/ou mellora de instalacións existentes, valorándose especialmente o aliñamento dos proxectos cos sectores prioritarios da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e coa RIS3 Galicia.

Tipos de apoio

Préstamos directos do IGAPE en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación a financiar, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no Anexo I.
c) Acheguen para aactuación unha contribución financeira mínima do 25% do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas, agrupacións e as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior apartado 1.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do Libro Segundo do devandito Real Decreto Lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un acordo de refinanciamento ou un acordo extraxudicial de pagos.
c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

Os proxectos financiables deberán estar vinculados ás actividades establecidas como financiables, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Sectores de actividade (CNAE):

03 - Pesca e acuicultura
05 a 09 - Industrias extractivas
10 a 33 - Industrias manufactureiras1
35 a 39 - Fornecemento de enerxía e auga, e xestión de residuos e descontaminación
42 a 43 - Construción de redes e construción especializada
46 - Comercio por xunto e intermediarios, salvo vehículos de motor e motocicletas
49 a 53 - Transporte e almacenamento
55 a 56 - Hostalaría
58 a 63 - Información e comunicacións
69 a 75 - Actividades profesionais, científicas e técnicas
77.3 - Alugamento de maquinaria, equipamentos e bens tanxibles
79 - Axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes
80 a 82 - Actividades de seguridade e investigación e outras actividades auxiliares das empresas
87 a 88 - Asistencia en establecementos residenciais e servizos sociais sen aloxamento
90 a 93 - Actividades artísticas, recreativas e de entretemento

Excepto: 1) CNAE 12 Industria do tabaco e 2) O que se refira ao sector das fibras sintéticas tal como o define o anexo II das directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4.3.2006.

Excepto CNAE 60 Actividades de programación e emisión de radio e televisión.

O anterior requisito relativo ao sector de actividade non será exixible cando se trate de investimentos que se leven a cabo en instalacións
derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo da epígrafe D.4.a) seguinte.

Requisitos principais do proxecto

1. O Igape poderá financiar proxectos empresariais, ou outro tipo de actuacións vinculadas a unha actividade económica, viables a implantar na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran ademais os requisitos específicos establecidos no Anexo I para cada modalidade de préstamo.
Serán financiables os investimentos e gastos, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.

2. Non serán financiables as meras substitucións de bens sen unha mellora produtiva, os traslados de centros produtivos que non supoñan unha mellora na capacidade produtiva ou na competitividade, os gastos de amortización, o saneamento de contas, nin o financiamento ou o refinanciamento de débedas.

3. Importe do financiamento:

O proxecto deberá presentar un custo financiable en activos fixos igual ou superior a 1.000.000 euros máis impostos.

Este límite non se aplicará aos proxectos que, ao abeiro do previsto nos artigos 15 e 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sexan declarados proxecto empresarial singular ou iniciativa empresarial prioritaria, respectivamente, aos proxectos que formen parte dun proxecto que conte coa declaración de proxecto empresarial singular ou de iniciativa empresarial prioritaria, segundo corresponda, nin aos proxectos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo do punto D.4.a).

4. Condicións do produto financeiro.

O préstamo poderá ser bilateral entre o Igape e a beneficiaria, ou sindicado con unha ou varias entidades de crédito.
O importe mínimo do préstamo ou da participación do Igape no sindicato bancario será de 500.000 € e o máximo de 5.000.000 €.
O importe mínimo anterior non será de aplicación nos proxectos referidos no segundo parágrafo da letra C.1) anterior.

En ningún caso superará o 50 % do custo do proxecto financiable..

5. Prazos de amortización e de carencia.

Axustados ao plan económico-financeiro, cun máximo de 12 anos, e pode o incluír carencia na amortización de principal.

6. Tipo de xuro.

a) Tipo de xuro ordinario.

Con carácter xeral, o tipo de xuro aplicable será fixo, determinado e liquidado conforme o anexo II destas bases.

Para os casos de préstamo sindicado, o tipo de xuro será o establecido polas entidades do sindicato bancario, e pode ser fixo ou variable.
O tipo de xuro aplicable aos préstamos para actuacións consistentes en apertura de novos establecementos, ou na adquisición por parte de terceiros non vinculados de activos/unidades produtivas que, de non seren adquiridas, terían cesado no negocio, será inferior en 1,5 puntos porcentuais ao determinado conforme o anexo II.

Igualmente, poderase aplicar ata 1,5 porcentuais de bonificación do tipo de xuro nos préstamos para os investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, o que deberá ser autorizado expresamente no acordo de concesión, logo da petición do solicitante. Esta bonificación aplicarase cando o sinistro se producise dentro dos doce (12) meses anteriores á data de presentación da solicitude do préstamo e sempre que o importe das perdas ocasionadas, segundo o indicado no informe pericial de danos, supoña, polo menos, un 25 % dos novos investimentos en activos fixos que se vaian levar a cabo.

En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0 %.

Para os casos de préstamo sindicado, a bonificación do tipo de xuro sinalada no punto anterior aplicarase unicamente sobre o tramo desembolsado polo Igape, e será descontado pola entidade bancaria axente das cantidades que hai que reintegrar ao Igape.

Para os préstamos bilaterais, os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural.

Nos préstamos sindicados, o sistema de cálculo de xuros e a súa periodicidade de liquidación será coincidente co pactado entre os restantes partícipes no sindicato bancario e a beneficiaria.

b) Tipo de xuro de mora.

Nos préstamos bilaterais, sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pago dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 4 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

En préstamos sindicados, o tipo de xuro moratorio e a súa forma de liquidación será o pactado entre os restantes partícipes no sindicato bancario e a beneficiaria.

7. Plan de amortización.

Nos préstamos bilaterais, unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización, unha vez finalizada a carencia. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase ao contrato de préstamo.
Nos préstamos sindicados, o plan de amortización será coincidente co pactado entre os restantes partícipes no sindicato bancario e a beneficiaria.

8. Garantías.

Nos préstamos bilaterais determinarase en función da dispoñibilidade e das características da actuación. Nos préstamos sindicados, serán compartidas coas restantes entidades partícipes no sindicato bancario, na mesma proporción que a participación de cada unha das entidades financiadoras

9. Disposición dos fondos

A beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de novembro de 2024

O prazo máximo para dispoñer dos fondos obtidos dos préstamos e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso, este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo.

O desembolso das operacións financeiras realizarase por solicitude da beneficiaria. A solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica, conforme o modelo do anexo VII.3, que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual, e deberá acreditar os requisitos e achegar a documentación indicada.

Cualificación requerida do proxecto

Non se establecen criterios específicos de avaliación. Concederanse todas as solicitudes que superen os limiares de cualificación do risco e cumpran os requisitos das bases reguladoras, ata o esgotamento do orzamento.

Investimentos ou gastos computables

Para esta modalidade de préstamo poderán ser financiados os seguintes elementos: Bens tanxibles, Bens intanxibles, e capital de explotación.
O investimento en capital de explotación non poderá superar o 50% do gasto financiable total.

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.
b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.
d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade, que deberá cumprir o seguintes dous requisitos:
1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base na solicitude da titular, nos estados financeiros históricos e nas previsións de actividade.
2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:
i) Compras de mercadorías,
ii) Prestación de servizos:
iii) Gastos de persoal:
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.
vi) Cando así se recolla expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderanse destinar a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da beneficiaria.
e) Salvo nos conceptos recollidos na alínea d) anterior, exclúense impostos, taxas e arbitrios, coa excepción do IVE cando non sexa recuperable.
2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros pola beneficiaria. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes da finalización do prazo de execución da actuación, e neste momento deberá constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
3. Non obstante o previsto no anterior número 2, tamén poderá ser financiada a obra civil en inmobles sobre os cales exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa, e/ou estean alugados, limitándose, en caso de alugamento a obras de reforma de inmobles xa construídos. No caso de dereito de superficie ou alugamento, as entidades titulares dos inmobles non poderán estar vinculadas á beneficiaria.
4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre a beneficiaria do préstamo e o provedor, agás os gastos de desenvolvemento e innovación, que poderán ser realizados con medios e por persoal da propia beneficiaria.
5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, salvo que a contratación se realice en condicións normais de mercado e se autorice expresamente no acordo de concesión, logo de petición do solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas», establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
6. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite, mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

Contía das axudas

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade non terán a consideración de axuda, posto que o seu tipo de xuro será igual ou superior ao determinado aplicando os criterios da Comunicación 2008/C14/02 da Comisión para que poidan ser considerados de mercado.

Non obstante o anterior incluirán unha axuda implícita de minimis, nos termos establecidos no artigo 5 destas bases:

Os préstamos aos que se lle aplique a rebaixa no tipo de xuro prevista no punto D.4.a) anterior, destinados ao financiamento de actuacións consistentes na apertura de novos establecementos ou na adquisición por parte de terceiros non vinculados de unidades produtivas que de non ser adquiridas terían cesado no negocio.

Os préstamos sindicados cun tipo inferior ao determinado aplicando os criterios da Comunicación 2008/C14/02 da Comisión.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que se esgote o crédito orzamentario.

b) O 29 de decembro de 2023, ás 14.00 horas.

Incompatibilidades

Os préstamos contemplados nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se contemple axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación.

Referencia lexislativa

Resolución do 3 de xaneiro de 2023 (DOG Nº21 do 31/01/2023) - Bases reguladoras dos préstamos directos

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

Documentación específica que se presentará coa solicitude.

a) A documentación específica sinalada no anexo I para cada modalidade de préstamo.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivamento en formato pdf asinado electronicamente, que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens, copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

e) Extractos bancarios de cada una das contas bancarias da solicitante, comprensivos dos catro meses anteriores á data de presentación da solicitude, en formato pdf nativo (descargados directamente da aplicación web da entidade financeira ou facilitados por esta).

f) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non a ter que realizar, se é o caso.

g) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estaren as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

h) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

i) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

j) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de alugamento, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

k) Se é ocaso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
– Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento (importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar).
– Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no cal figuren a natureza, o importe e os prazos.

* Documentación específica para esta liña de préstamo:

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.

c) Descrición da actuación: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación da actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).

d) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría), con descrición das hipóteses que sustentan as ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa e mostrar separadamente o impacto do actuación.

e) No caso de investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, deberase presentar informe pericial de danos de perito independente.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de cinco meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión.

A beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de novembro de 2024