IG296 - AXUDAS A STARTUPS (2024)

O prazo de presentación finaliza o Luns, 30 Setembro 2024 as 14:00 h.

Finalidade / Obxectivo

Fomentar a actividade das startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia subvencionando os gastos e investimentos nos que incorran dende o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.
Fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Réxime de mínimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia.

Consideraranse startups, toda persoa xurídica, incluídas as empresas de base tecnolóxica creadas ao amparo da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, de recente creación: que non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou Rexistro de Cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral, ou de sete no caso de empresas de biotecnoloxía, enerxía e industriais; e que reúna as condicións especificadas nese artigo respecto da innovación e escalabilidade.

2. Para acceder a estas axudas, as startups deberán cumprir, ademais, polo menos, unha das seguintes condicións no momento de solicitar a axuda:

- Dispor da certificación de ENISA prevista na Lei 28/2022.
- Acreditar a cualificación de Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica da Xunta de Galicia (IEBT).
- Ter participado nalgún proceso de aceleración en iniciativas con participación pública da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento (Viagalicia, BFAuto, BFAero, BFFood, Turislab, Galicia Avanza).
- Acreditar mediante certificado para o efecto emitido polo centro de orixe o carácter de Spin-off das Universidades, dos Centros de FP ou de Centros Tecnolóxicos.
- Estar inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.
- Dispor da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente.
- Dispor da marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderán ser subvencionables calquera gasto ou investimento nos que incorra a startup dende o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda. O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar 10.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser novos, adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de “empresas asociadas” ou de “empresas vinculadas” establecida nos apartados 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Os investimentos deberán manterse na empresa beneficiaria durante un período mínimo de 3 anos a contar dende a data da resolución de concesión da axuda.

2. Non será subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

3. En ningún caso os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

Contía das axudas

Concederase unha axuda do 100% ata un máximo de 20.000 € para os gastos realizados (devengados e pagados) pola startup durante o período subvencionable.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 08:00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e rematará ás 14:00 horas do 30 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos gastos.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de mínimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de mínimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de mínimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de mínimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

Referencia lexislativa

Resolución do 23 de novembro de 2023 (DOG Nº229 do 01/12/2023) - Bases reguladoras e convocatoria 2024

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:

1. Para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da startup solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

No formulario incluirase a xustificación dos gastos realizados mediante a modalidade de conta xustificativa simplificada.

A conta xustificativa simplificada incluirá:

1º Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.
2º O detalle doutros ingresos ou subvencións que teñan financiado os custos subvencionados, con indicación do seu importe e procedencia.

Cada startup só poderá presentar unha solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (Anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante.

Observacións

O aboamento das subvencións reguladas nestas bases realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados o cumprimento dos requisitos esixidos; resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude.