IG230 - GALICIA EXPORTA EMPRESAS - AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR DAS EMPRESAS GALEGAS (2022) - Ata as 14:00 h.
-
Documentos de interese:
- Cuestionario de exemplo
- Resolución do 16 de marzo de 2022 (DOG Nº53 do 17/03/2022) - Bases e convocatoria
- Resolución do 23 de maio de 2022 (DOG Nº99 do 24/05/2022) - Modificación das bases e ampliación prazo
- Resolución do 23 de decembro de 2022 (DOG Nº3 do 04/01/2023) - Resolución de concesión
Finalidade / Obxectivo
1. Co obxectivo de incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de accións:
a) Accións de difusión:
a.1) Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión, ou outros medios incluídos os dixitais, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro
a.2) Elaboración de material promocional para a súa difusión en mercados estranxeiros.
b) Accións de promoción:
b.1) Participación en feiras ou outros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro.
Inclúense tamén aqueles eventos deste tipo que se celebren organizados por terceiros en España e estean incluídos no calendario de feiras comerciais internacionais publicado pola Secretaría de Estado de Comercio de España para o ano 2022 ou 2023 no Boletín Oficial do Estado (en edicións que se celebren dentro do prazo de execución destas bases). Inclúense tamén a participación en feiras virtuais, así como a participación en outros eventos expositivos virtuais dirixidos ao público internacional.
Non son subvencionables as visitas a este tipo de eventos. Para ser unha acción subvencionable tense que acreditar a participación do beneficiario como expositor no evento.
b.2) Visitas á sede da empresa en Galicia de clientes, importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescriptores, todas realizadas desde o estranxeiro, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades da empresa e os seus produtos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación internacional. Inclúese tamén a organización de eventos virtuais organizados pola propia empresa dirixidos ao público internacional (catas, seminarios, xornadas de formación a prescriptores, etc.)
c) Accións de prospección en mercados internacionais:
c.1) Axendas de reunións, incluídas as axendas virtuais.
c.2) Desenvolvemento de clientes e análise de competencia no estranxeiro: metodoloxía enfocada en descubrir mercados para a empresa e os seus produtos, apostando tanto por descubrir e aprender dos propios clientes, ofrecendo un produto que realmente necesiten, como dos competidores, mediante a identificación de boas prácticas, e o benchmarking funcional.
c.3) Seguimento de contactos iniciais ou clientes anteriores no estranxeiro para a consolidación do negocio e a implantación promocional en destino.
d) Accións de operatividade da internacionalización:
d.1) Xestión de acordos comerciais internacionais, certificacións, homologacións e rexistros de marcas e patentes de produtos e servizos para o estranxeiro (inclúense os códigos fonte/códigos obxecto).
d.2) Seguros de crédito á exportación.
2. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, na que se poderán incluír varias accións das mencionadas nas letras da a) á d) deste artigo. No caso de presentar máis dunha solicitude atenderase a primeira presentada, no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior.
Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do 80 % por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. En particular:
Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.
Actuación CPSO 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE.
Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes.
Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.
Os indicadores de produtividade e resultado correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de produtividade código-denominación: C001-Número de empresas que reciben axudas.
– Indicador de produtividade código-denominación: C002-Número de empresas que reciben subvencións.
– Indicador de resultado R031: número de empresas exportadoras.
Tipos de apoio
Subvencións en réxime de concorrencia competitiva. Réxime de axudas de mínimis.
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que teñan no devandito centro, antes da solicitude de axuda, polo menos tres traballadores por conta allea.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
Cualificación requerida do proxecto
As solicitudes que cumpran coas condicións necesarias serán avaliadas de acordo co seguinte baremo xeral cunha base de puntuación de 100 puntos.
a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización e polo tanto maior necesidade de apoio. Máximo: 30 puntos. Avaliarase tendo en conta:
Tamaño da empresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014. Microempresa: 30 puntos; Pequena empresa: 25 puntos; Mediana empresa: 20 puntos. Esta condición acreditarase mediante a declaración no formulario electrónico de solicitude.
b) Tipo de internacionalización da empresa. Máximo: 30 puntos. Avaliarase tendo en conta:
Empresa exportadora de mercadorías fabricadas pola propia empresa solicitante da axuda: 30 puntos. Empresa exportadora de mercadorías non fabricadora (comercializadora): 15 puntos. Empresa que presta ou comercializa servizos no estranxeiro (os seus clientes reciben o servizo no estranxeiro): 15 puntos. Empresa internacionalización inversa (venda de produtos ou prestación de servizos en Galicia a clientes estranxeiros, os clientes acoden a Galicia): 5 puntos.
Esta condición acreditarase no formulario electrónico de solicitude.
c) Novos solicitantes: Recibirán 20 puntos as empresas que non obtivesen resolución aprobatoria á solicitude de convocatorias destas bases anteriores á convocatoria IG230.2019.
d) Aproveitamento de axudas á internacionalización anteriores á convocatoria IG230.2019 Máximo: 20 puntos. Avaliarase tendo en conta:
O informe de resultado de subvencións anteriores do Igape recibidas para o mesmo fin de internacionalización: 20 puntos no caso de cubrir este informe no formulario electrónico de solicitude e que se acadasen resultados positivos.
Este informe debe incluír, para cada subvención recibida pola empresa solicitante -con resolución de concesión entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de xaneiro de 2019 - un detalle de:
1º Ano da resolución de concesión da axuda.
2º Importe da axuda recibida (no caso de expedientes finalizados, ou importe menor entre a axuda liquidada e a concedida).
3º Finalidade da axuda.
4º Resultados en términos de:
i) Nº de contratos asinados.
ii) Importe do volume de negocios estimado xerado grazas ás accións subvencionadas.
iii) Países nos que iniciou negocio a empresa solicitante.
iv) Países nos que consolidou negocio a empresa solicitante.
e) Empresas con produtos ou servizos obtidos a través da realización exitosa de proxectos de I+D+i. Máximo de 10 puntos.
Esta condición declararase no formulario electrónico de solicitude.
f) Empresas con selo da certificación de Galicia Calidade dalgún dos seus produtos e/ou servizos. Máximo de 10 puntos.
Esta condición declararase no formulario electrónico de solicitude.
Investimentos ou gastos computables
1. Poderán ser subvencionables os conceptos seguintes:
a) Gastos subvencionables para accións de difusión:
O límite máximo de gasto subvencionable para accións de difusión é de 20.000 euros por solicitude de axuda.
a.1) Gastos subvencionables para accións de difusión citadas na letra a.1) do artigo 1.1. Só se subvencionarán os gastos de compra de espazos publicitarios e insercións en medios de comunicación.
a.2) Gastos subvencionables para accións de difusión citadas na letra a.2) do artigo 1.1. Só se subvencionarán os gastos de deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución, e impresión de material promocional para a súa difusión nos mercados estranxeiros.
b) Gastos subvencionables para accións de promoción:
b.1) Gastos subvencionables para accións de promoción citadas na letra b.1) do artigo 1.1. Nestes custos, no caso de accións con carácter presencial, introdúcese o método de custos simplificados basado en sumas a tanto alzado, de acordo co establecido no artigo 67.1.c) do Regulamento (UE) 1303/2013.
Os importes dos incentivos establecidos como sumas a tanto alzado calculáronse mediante un método xusto, equitativo e verificable, tomando como referencia os datos contables históricos facilitados polos beneficiarios relativos aos costes subvencionables pola participación en ferias ou outros eventos expositivos, correspondentes aos expedientes que recibiron subvención nas convocatorias de axudas dos anos 2017, 2018 e 2019.
Ademais, a efectos de implementar o disposto na Estratexia de Internacionalización de Galicia 2021-2025 resultan de aplicación os índices correctores á suma a tanto alzado fixada (9.627,65 euros) en función das diferentes áreas xeográficas de interés indicados no artigo 6 das bases reguladoras.
- No caso de accións (feiras e eventos expositivos) con participación presencial:
1º Gastos de viaxe das persoas da empresa solicitante á cidade de celebración do evento.
2º Gastos de aloxamento das persoas da empresa no lugar de celebración do evento no que se participa.
3º Gastos de: alugueiro de espazos e servizos relacionados co devandito alugueiro; alugueiro de stand físico; construción, montaxe e desprazamento do stand; decoración do stand; alugueiro de mobiliario; contratación de persoal de apoio como intérpretes, modelos ou azafatas; envío de material promocional e mostras co seu seguro correspondente.
Neste tipo de accións non se establecen límites para o número de acción por país ou área xeográfica.
- No caso de participación en accións virtuais:
Se subvencionarán gastos de alugueiro de stand virtual e dos servizos relacionados co aluguer; gastos de intérpretes, e as cotas de participación en feiras e eventos expositivos virtuais (ata 4 persoas por empresa).
O límite máximo deste gasto: 1.500 euros por evento.
b.2) Gastos subvencionables para accións de promoción citadas na letra b.2) do artigo 1.1.
1º Gastos de viaxe dun máximo de 3 persoas por acción. Só son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, taxas e seguros de viaxe.
Límites destes gastos: os indicados no anexo III.
2º Aloxamento en Galicia dun máximo de 3 persoas por acción (en réxime de aloxamento e almorzo), cun máximo de 5 pernoctas, cos límites indicados no anexo III.
3º Gastos de intérpretes durante a visita e/ou para a realización dun evento virtual, así como os de asistencia técnica necesarios para a realización dos eventos virtuais.
c) Gastos subvencionables para accións de prospección:
c.1) Gastos subvencionables para accións de prospección citadas na letra c.1)
Gastos de servizos de consultoría para a realización de axendas (non será subvencionable a simple realización da axenda se non se executa coas reunións correspondentes dentro do prazo de execución da axuda).
c.2 ) Gastos subvencionables para accións de prospección citadas na letra c.2)
Gastos de servizos de consultoría para o desenvolvemento de clientes no estranxeiro, análise da competencia internacional, análise de empresas líderes referencia en boas prácticas e/ou seguimento de contactos iniciais.
O límite máximo de gasto subvencionable por todos estes conceptos subvencionables c1) e c2) é de 4.000 euros por solicitude.
c.3) Gastos subvencionables para accións de prospección citadas na letra c.3) do artigo 1.1.
1º Gastos de servizos de consultoría para seguimento de contactos iniciais ou clientes anteriores. O límite máximo deste gasto: 2.000 euros por solicitude.
2º Gastos de alugueiro de locais no estranxeiro con fins promocionais no mercado obxectivo durante o período de execución establecido na resolución de concesión. O límite máximo de gasto subvencionable é de 15.000 euros por solicitude.
En relación aos gastos de servizos en destino para a realización de axendas, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais, as empresas que presten este tipo de servizos descritos neste apartado deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape.
Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado polas oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro, ou polas oficinas comerciais ou organismos públicos españois ou estranxeiros que presten este tipo de servizos.
d) Gasto subvencionable para Accións de operatividade da internacionalización:
d.1) Gastos de asistencia xurídica, técnica e servizos para a tradución de documentación.
d.2) Gastos tanto de novas pólizas de seguros de crédito á exportación, como de renovación destas, contratadas dentro do período de execución.
O límite máximo de gasto subvencionable é o importe menor de entre 25.000 euros por solicitude ou do 40% do importe de gasto subvencionable total do proxecto.
2. Serán subvencionables os gastos incurridos desde o 1 de xaneiro de 2022, se ben o proxecto para o que se solicita a axuda non poderá estar executado integramente no momento de presentar a solicitude de axuda. Os gastos efectuados e pagados previamente ao 1 de xaneiro de 2022 non serían subvencionables, agás os esixidos en concepto de reserva para accións que se realizarán no exercicio 2022 e 2023.
3. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:
a) Os custos de mailings, convites, agasallos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.
b) Os custos de servizos para o posicionamento web.
c) Os custos de envío de mercadorías distintas ao material promocional ou mostras sen valor comercial.
d) Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.
e) Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
f) Produtos de merchandising e outros agasallos promocionais.
g) Aqueloutros que non estean directamente vinculados coa realización da acción subvencionable.
4. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde o 1 de xaneiro de 2022, se ben o proxecto para o que se solicita a axuda non poderá estar executado integramente no momento de presentar a solicitude de axuda, ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable, agás os gastos indicados no segundo parágrafo do punto 2 deste artigo.
5. Cando o importe do tipo de gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren (neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente), ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.
As ofertas ou orzamentos de provedores deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, domicilio, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non o IVE), e a descrición técnica dos elementos ou servizos ofertados. Os ofertantes deben demostrar habitualidade na realización dos servizos ofertados.
6. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
7. Non se subvencionarán servizos a contratar relacionados coa actividade empresarial do solicitante da axuda no mesmo país no que o solicitante exerce a devandita actividade.
Contía das axudas
A subvención será do 70% dos gastos relacionados no artigo 5, excepto para os gastos do artigo 5.1.b.1) no caso de accións de participación presencial en feiras e eventos expositivos, nas cales, as intensidades de axuda e importes de subvención, variarán segundo a área xeográfica na que se desenvolva a acción.
Para as accións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 91.000 euros por solicitude e beneficiario (gasto subvencionable máximo de 130.000 euros).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xuño de 2022.
A solicitude presentarase desde as 8:00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14:00 horas da data de finalización.
Incompatibilidades
1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións, ingresos ou apoios para a mesma finalidade, procedentes de calesquera Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais públicos ou privados. Unha operación non poderá recibir ningunha outra axuda.
2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de mínimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de mínimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de mínimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de mínimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.
3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.
Referencia lexislativa
Resolución do 16 de marzo de 2022 (DOG Nº53 do 17/03/2022) - Bases reguladoras e convocatoria 2022
Resolución do 23 de maio de 2022 (DOG Nº99 do 24/05/2022) - Modificación das bases e ampliación do prazo de presentación.
Resolución do 23 de decembro de 2022 (DOG Nº3 do 04/01/2023) - Resolución de concesión
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
*Tramitación:
A solicitude presentarase obrigatoriamente polos medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8:00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14:00 horas da data de finalización.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura baste para acreditar a vontade do solicitante.
Observacións
O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro de 2022, se ben o proxecto para o que se solicita a axuda non poderá estar executado integramente no momento de presentar a solicitude de axuda, e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 31 de xullo de 2022 para as solicitudes con accións a realizar ata esta data, e do 31 de marzo de 2023 para solicitudes con accións a realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pago.
Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobro. As accións realizadas entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de decembro de 2022 poderán ser imputadas ao 2023.