O Bono Activa Comercio da Xunta mobiliza un millón de euros en vendas en día e medio de funcionamento

Martes, 16 Mai 2023 09:27
  • A iniciativa que botou a andar este luns suma xa preto de 6.000 comercios participantes, nos que se realizaron xa descontos por máis de 200.000 euros.
  • Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria.

O programa do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, que botou a andar, onte, 15 de maio, mobiliza xa preto dun millón de euros en vendas en día e medio de funcionamento. Así, na xornada do luns e na mañá do martes realizáronse descontos por máis de 200.000 euros, mentres que o número de comercios adheridos á iniciativa é de 5.972. Destes, 2138 son da provincia da Coruña, 854 de Lugo, 914 de Ourense e 2066 de Pontevedra.

As persoas consumidoras poden descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que poden continuar sumándose á iniciativa ata o 1 de setembro. A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade.

Os bonos teñen formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Ata o de agora, os descontos realizados superan os 200.000 euros.

  • Rueda destaca que a Xunta apoia cinco novos proxectos de infraestruturas compartidas e centros dixitais que suman máis de 10 M€
    Ler máis
  • A Xunta aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para impulsar o crecemento empresarial
    Ler máis
  • A aceleradora Galicia Avanza mellora a presenza no exterior dos produtos e servizos de trinta empresas innovadoras galegas
    Ler máis