A Xunta aposta por fomentar a construción sustentable en madeira para xerar valor na industria forestal galega e no medio rural

Martes, 15 Febreiro 2022 14:33

Conde destaca que a liña de apoios da Xunta para incentivar o uso da madeira na construción contribuíu a mobilizar 13M€ en máis de cen vivendas e locais comerciais. Destaca que esta vivenda é a mellor abandeirada posible da marca Pino de Galicia, que é unha garantía de trazabilidade, calidade e sustentabilidade; as tres vantaxes competitivas que definen o sector forestal e a cadea da madeira en Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febrero de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe, nunha visita á primeira vivenda passivhaus en Galicia construída con madeira de piñeiro galego, que a Xunta aposta por fomentar a construción sustentable en madeira local para xerar valor na industria forestal galega e no medio rural.

Conde achegouse esta mañá ata a parroquia de Biduído, no concello coruñés de Ames, para comprobar o avance das obras de construción desta vivenda, que a Xunta apoia a través da liña de axudas activada para impulsar o uso da madeira na construción. Unha liña de apoios que, cun orzamento de 1,6M€, contribuíu a mobilizar 13M€ para incentivar a utilización da madeira como elemento estrutural en máis de cen vivendas e locais comerciais (en concreto, 89 vivendas e 19 locais comerciais).

Esta casa en cuestión, é un inmoble de alta eficiencia enerxética —de feito, as técnicas construtivas passivhaus permiten aforrar ata un 75 por cento das necesidades de refrixeración e calefacción—; de deseño bioclimático e fabricada con materiais de baixo impacto ambiental elaborados por industrias galegas, como o CLT (madeira laminada cruzada) de Xilonor ou a madeira maciza para entramado de Hijos de Ramón Rubal.

O vicepresidente económico destacou que esta vivenda é a mellor abandeirada posible da marca Pino de Galicia, que é unha garantía de trazabilidade, calidade e sustentabilidade; as tres vantaxes competitivas que definen o sector forestal e a cadea da madeira en Galicia, dixo.

Conde lembrou que Galicia está promovendo a madeira como un elemento básico para a economía circular, tanto pola sustentabilidade do seu propio proceso produtivo como por ser un material renovable. E, nese sentido, asegurou que a Axenda de impulso á industria forestal 2022-2024 prevé afondar neste obxectivo a partir da colaboración público-privada e cunha mobilización de 140M€ para chegar a beneficiar a 700 empresas galegas.

  • A Xunta destinará máis de 20 M€ o próximo ano a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia
    Ler máis
  • A Xunta achega aos empresarios do Porriño as distintas liñas activadas este ano para reforzar a competitividade do tecido produtivo
    Ler máis
  • Novo WEBINAR PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA: O Sector Agroalimentario en China
    Ler máis