A Xunta promove a colaboración empresarial para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sustentabilidade e a loxística avanzada

Venres, 01 Decembro 2023 12:17
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo nunha xornada organizada por Ceaga de cara a avanzar na elaboración do Plan de competitividade do ecosistema de automoción e mobilidade de Galicia 2030
  • O encontro de traballo conta co apoio da Xunta no marco da liña de axudas de Obradoiros, espazos de encontro entre empresas nos que explorar solucións e vías de cooperación que dean lugar a novos proxectos
  • Avanza que o Consellería de Economía, Industria e Innovación está a ultimar unha nova convocatoria do programa
  • Lembra que, desde a súa posta en marcha no 2018, a Xunta ten destinado a esta liña preto de 2,2M€ para impulsar 125 talleres que sumaron máis de 1.250 asistentes
Vigo, 1 de decembro de 2023
 

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo nunha xornada organizada xunto a Ceaga de cara a avanzar na elaboración do Plan de competitividade do ecosistema de automoción e mobilidade de Galicia 2030.

O encontro de traballo, no que tamén participaron o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, conta co apoio da Xunta, a través do Igape, no marco da liña de axudas de Obradoiros destinada a promover a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sostibilidade e a loxísitica avanzada.

“Estes obradoiros, como ben amosa a xornada de hoxe, son espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a iniciativas de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais”, afondou Toca Carús, quen avanzou que a Consellería de Economía, Industria e Innovación está a ultimar unha nova convocatoria do programa.  

Ata o de agora, expuxo a directora do Igape, a Xunta ten destinado, desde a súa posta en marcha no 2018, preto de 2,2M€ a esta liña, promovendo ata 125 talleres que sumaron máis de 1.250 asistentes.  

Neste contexto, Toca Carús avogou por manter e reforzar a colaboración público-privada, da que puxo como exemplo aos clústeres galegos como Ceaga, na procura de seguir contribuíndo a mellora competitiva do tecido empresarial galego, en particular do sector da automoción. Unha industria, defendeu, “estratéxica” ao representar o 14% do PIB da Comunidade e xerar arredor de 30.000 empregos de forma directa e indirecta.   

“Apostamos desde hai anos por unha política de colaboración e apoio ás agrupacións industriais, porque consideramos que son o instrumento idóneo para chegar ás empresas, especialmente nas accións de cooperación”, afondou a directora do Igape.  

Nesta liña, apuntou que o Instituto ten un amplo abano de ferramentas, desde as axudas para a posta en marcha de novas agrupacións industriais -agrupacións industriais emerxentes-, ata os apoios para o desenvolvemento dos seus plans de acción, gastos de funcionamento, ou tamén axudas para facilitarlles o acceso e achegamento aos ámbitos internacionais.

  • Rueda destaca que a Xunta apoia cinco novos proxectos de infraestruturas compartidas e centros dixitais que suman máis de 10 M€
    Ler máis
  • A Xunta aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para impulsar o crecemento empresarial
    Ler máis
  • A aceleradora Galicia Avanza mellora a presenza no exterior dos produtos e servizos de trinta empresas innovadoras galegas
    Ler máis