A Xunta avanza na elaboración do plan director do sector TIC

Mércores, 17 Abril 2024 19:01
  • Lorenzana convida a Ineo a facer as súas achegas a este plan, que estivo en fase de consulta pública ata o pasado 8 de abril

 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Asociación de Empresas de Tecnoloxía (Ineo), con quen abordou os traballos que a Xunta vén realizando para elaborar o plan director do sector TIC.

Na xuntanza, Lorenzana informou de que este plan estivo en fase de consulta pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta desde o pasado 18 de marzo ata o 8 de abril para recoller as achegas da cidadanía e das organizacións e entidades vinculadas a este sector.

O sector TIC foi declarado estratéxico polo Consello da Xunta, xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, a loxística industrial e o sector forestal-madeira. Isto implica que van dispoñer de cadanseu plan director que recolla medidas e mecanismos para impulsar a súa competitividade e posicionamento no actual contexto de transformación dixital e enerxética.

Na elaboración de cada plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e o resto de axentes implicados, polo que Lorenzana convidou a Ineo a facer as súas achegas. Posteriormente, antes da aprobación de cada plan, será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.

Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta, aos que se suma a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, co seu servizo de asesoramento técnico e administrativo para empresas, do cal a conselleira tamén deu conta na reunión.

  • A Xunta avoga por "manter e reforzar" a cooperación público-privada para que o tecido empresarial galego sexa aínda máis competitivo
    Ler máis
  • Lorenzana destaca as posibilidades que ofrece o rural para o desenvolvemento dunha industria verde e sustentable
    Ler máis
  • A Xunta activa un novo programa para que as pemes galegas aposten por modelos de negocio máis sustentables e responsables
    Ler máis