Lorenzana aborda coa Asociación de Empresarios do Tambre novas medidas de impulso ao Biopolo Sionlla

Mércores, 19 Xuño 2024 18:06

A conselleira de Economía e Industria mantivo un encontro con responsables da entidade no que destacou o potencial biotecnolóxico galego e comprometeu o apoio da Xunta na súa industrialización a través da nova Oficina Económica de Galicia que xestiona o Igape

 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ratificou hoxe o compromiso da Xunta por continuar impulsando o sector da biotecnoloxía a través da coordinación e o traballo conxunto co Biopolo Sionlla-Polo Biotecnolóxico de Galicia. Facíao logo de manter un encontro con responsables da Asociación de Empresarios do Tambre, onde se asenta o polo, cos que abordou a posta en marcha de novas accións para incrementar a competitividade do sector a través da colaboración público-privada.

Lorenzana destacou o potencial de Galicia neste eido, “un sector en auxe polo que o Goberno galego leva apostando desde hai anos e que en Galicia xera máis de 5.000 empregos e representa o 1,8% do produto interior bruto galego”. Ademais, a conselleira de Economía e Industria avanzou que este apoio da Xunta ao sector biotecnolóxico continuará “aínda con máis forza se cabe, xa que agora contamos cun novo instrumento como é a Oficina Económica de Galicia que xestiona o Igape, que facilitará a industrialización do sector”.

Nesta liña, a conselleira lembrou que a nova Oficina Económica de Galicia constitúe un punto único de entrada a aquelas iniciativas empresariais e industriais que se queiran asentar ou medrar na comunidade. Un servizo que ofrece asesoramento, información e seguimento individualizado poñendo o foco no financiamento e na axuda que precisa o proxecto. Desde a súa entrada en funcionamento, no mes de abril, rexistrou máis de 1.900 consultas e preto de 200 citas de acompañamento a empresas galegas.

Finalmente, María Jesús Lorenzana reiterou a importancia de aproveitar o potencial biotecnolóxico de Galicia e máis concretamente do Biopolo Sionlla, “un exemplo de colaboración entre administración e empresa fundamental para atraer talento, fomentar a innovación e mellorar a competitividade do noso tecido empresarial”, concluíu.

  • A Xunta amplía ata os 50 M€ os préstamos directos ante o interese amosado polo tecido empresarial galego
    Ler máis
  • Lorenzana destaca o crecente posicionamento das empresas galegas no mercado alemán, con 350 xa implantadas no país
    Ler máis
  • Lorenzana apela a aproveitar as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial para o tecido empresarial
    Ler máis