A Xunta pon en valor a aposta da X ‘Maker Faire Galicia’ polo emprendemento e pola innovación

Xoves, 20 Xuño 2024 10:01
  • O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron hoxe na presentación do evento en Santiago de Compostela
  • O Goberno galego apoia o evento que neste 2024 se distribuirá en distintas xornadas ao longo do ano: unha sobre emprendemento e innovación social, outra sobre oficios na que se porá de relevo a artesanía e unha terceira sobre industria

 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron hoxe en Santiago de Compostela na presentación da X Maker Faire Galicia, poñendo de relevo que este ano a cita se vai a desenvolver en tres xornadas diferentes ao longo do ano onde se porá de relevo a importancia da innovación dentro do emprendemento. 

Así, o secretario xeral referiuse en especial á xornada que terá lugar o próximo 29 de xuño, centrada na innovación social e no emprendemento, con relatorios, obradoiros e presentacións de case medio cento de proxectos. Tamén á que se celebrará o 8 de novembro coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia para abordar a innovación na artesanía e nos oficios, promovendo a aprendizaxe interxeracional e destacando a importancia de preservar o coñecemento.  

Na súa intervención, Pablo Fernandez destacou apoios da Xunta como a Rede de polos de emprendemento que conta con 13 centros activos na actualidade e que presta asesoramento continuado e gratuíto ás persoas emprendedoras en calquera fase na que se atope o seu proxecto, de principio a fin. Así, o persoal técnico desa Rede, segundo sinalou, encárgase de orientar á hora de emprender ou de afrontar cambios nos negocios, apostando pola innovación para asegurar o éxito das iniciativas. 

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais aludiu, dentro desa Rede de polos, ao Plan remuda que busca garantir a continuidade das empresas no seo do tecido produtivo galego, e no marco do que se vén de habilitar unha orde de axudas que persegue impulsar os procesos de remuda xeracional. Así, ata o 30 de outubro poden solicitarse achegas por un orzamento total de 1,5 millóns de euros destinadas a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios, facilitando a actividade.    

Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou a importancia de potenciar as condicións axeitadas para que o tecido produtivo galego poida e saiba combinar talento e emprendemento con innovación aberta, así como facer da creatividade e o talento pancas do desenvolvemento industrial e económico de Galicia.

Na súa intervención, a directora sinalou que na xornada da industria, prevista para finais de ano, unha vez máis, arredor dun espazo de relatorios e doutro de exposición de proxectos, “achegarémonos ao principal obxectivo desta feira que é visibilizar ata onde nos pode levar a innovación e o talento”.

Por último, a directora tamén destacou a posta en marcha este ano da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Esta Oficina, explicou,  é unha nova variante dentro da batería de medidas de apoio ás empresas e emprendedores, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica e mellorar a competitividade empresarial no cambiante escenario actual.

  • A Xunta amplía ata os 50 M€ os préstamos directos ante o interese amosado polo tecido empresarial galego
    Ler máis
  • Lorenzana destaca o crecente posicionamento das empresas galegas no mercado alemán, con 350 xa implantadas no país
    Ler máis
  • Lorenzana apela a aproveitar as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial para o tecido empresarial
    Ler máis