Lorenzana reivindica o bo momento que atravesa o sector naval en Galicia

Xoves, 05 Setembro 2024 10:17
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, iniciou hoxe a súa primeira xornada de visita á Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 acompañando ás empresas galegas presentes
  • Resalta que, o feito de que a delegación galega sexa a máis numerosa das que proveñen de toda España, de onde proceden un total de 65 empresas, amosa o nivel e o bo momento que atravesa o sector naval en Galicia
  • Destaca a aposta que está a facer o Goberno galego por acompañar e dar resposta ás necesidades das empresas do naval, para o cal vai ser fundamental o plan director que se está elaborando para o sector e que estará aprobado a finais de ano
  • Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga

 

Hamburgo (Alemaña), 4 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, iniciou hoxe a súa primeira xornada de visita á Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024, á que asiste acompañando ao medio cento de empresas galegas que, xunto con Asime e o clúster Aclunaga, participan no evento co apoio da Xunta de Galicia.

Lorenzana resaltou que, o feito de que a delegación galega sexa a máis numerosa das que proveñen de toda España, de onde proceden un total de 65 empresas, amosa o nivel e o bo momento que atravesa o sector naval en Galicia. Un sector, dixo, “que soubo perfectamente diversificar e incorporar a innovación suficiente para que agora mesmo poidamos estar orgullosos das súas cifras de facturación, de exportacións, do seu nivel de internacionalización e do emprego de calidade que está xerando esta industria”.

A conselleira de Economía e Industria destacou a aposta que está a facer o Goberno galego por acompañar e dar resposta ás necesidades das empresas do naval, para o cal vai ser fundamental o plan director que se está elaborando para o sector. Sobre o documento, cuxo borrador xa está rematado, informou de que neste momento se están avaliando as alegacións presentadas coa previsión de que antes de finais de ano estea aprobado polo Consello da Xunta.

Con este plan, apuntou, a vontade da Xunta é “continuar intensificando os apoios ás empresas do naval alí onde máis o necesitan”, dixo, especialmente para a captación de fondos europeos, para impulsar a diversificación, a apertura a novos mercados, e abrindo novas liñas de financiamento para que as empresas do sector poidan seguir crecendo e facelo en Galicia.

Esta é a 31ª edición desta feira, a máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.

O sector naval en Galicia incrementou un 15 por cento a súa facturación en 2023 (1.031 M€) e un 3,5 por cento o número de empregos (8.234 persoas).

  • Lorenzana destaca a competitividade e a xeración de emprego como fortalezas da industria da seguridade e a defensa en Galicia
    Ler máis
  • Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA
    Ler máis
  • A Xunta lanza unha nova liña de axudas de 10 M€ para apoiar o crecemento das empresas que manteñan e creen novos postos de traballo
    Ler máis