A Xunta informa ás pemes lucenses das distintas liñas de apoio habilitadas para reforzar a competitividade empresarial no actual contexto económico

Mércores, 27 Abril 2022 12:19
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou por vía telemática nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre os fondos europeos Next Generation na que destacou o impulso que suporía para a provincia a posta en marcha en Palas de Rei do complexo de fibras téxtiles de Altri
  • No encontro explicou os diferentes programas de apoio do organismo que dirixe para este ano, centrados na innovación, o emprendemento, o financiamento e a internacionalización
  • No tocante ao financiamento, pon en valor a recente posta en marcha da liña de préstamos avalados para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións, entre as que se encontran as estacións de servizo
  • Destaca que o Galicia Exporta Dixital, que vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes, permitiu ata o de agora impulsar 22 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Lugo por valor de máis de 700.000 euros

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe, de modo telemático, nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre as oportunidades para as empresas nos fondos europeos Next Generation. Na súa intervención, na que destacou o impulso que suporía para a provincia a posta en marcha en Palas de Rei do complexo de fibras téxtiles de Altri, ofreceu ao tecido empresarial da provincia a colaboración da Xunta a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado polo encarecemento de recursos como a luz, o gas e os combustibles e a falta de subministracións de materias primas, e agravado pola invasión rusa a Ucraína.

 

“Desde a Xunta vimos traballando, de xeito coordinado, co noso tecido produtivo na procura de facer fronte a unha situación económica que está dificultando a actividade da industria produtiva”, salientou Guldrís, quen avogou pola transformación dixital, a investigación, a innovación e a procura de novos mercados como factores fundamentais na mellora competitiva das empresas.

 

Neste marco, o director do Igape, que sinalou que nas vindeiras semanas se manterán encontros similares organizados coas confederacións empresariais das restantes provincias, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación. No ámbito da dixitalización, destacou os obradoiros ou as axudas á dixitalización que, na última convocatoria, teñen permitido impulsar proxectos na provincia por importe superior a 1 millón de euros.

 

Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 22 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Lugo por valor de máis de 700.000 euros.

 

Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que  superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 21,1% con respecto ao 2020.

 

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, -con tres sedes na provincia lucense: A Mariña (Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos) e Palas de Rei, vinculado ao Camiño de Santiago- que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 130 proxectos impulsados na provincia de Lugo.

 

E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións.

 

Fábrica de fibras téxtiles

Neste contexto, tanto os representantes da CEL como o propio director do Igape destacaron o efecto tractor que podería ter o complexo de fibras téxtiles que Altri anunciou onte mesmo para Palas de Rei, cun investimento de algo máis de 800 millóns de euros e da creación de 2.500 empregos directos e indirectos.

 

Neste escenario, púxose en valor a importancia dos fondos europeos Next Generation, que supoñen unha oportunidade para facilitar a transformación económica e social do tecido produtivo galego. A Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante estes fondos, que se canalizan en gran parte a través dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte).

 

Entre os Perte xa en marcha, destaca a importancia do centrado no Vehículo Eléctrico e Conectado; o Perte da Saúde de Vangarda; o de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento; e o da cadea Agroalimentaria Intelixente e Sostenible. Todos eles xa aprobados polo Goberno central e no marco dos cales Galicia aspira a impulsar diferentes proxectos transformadores da industria que contribúan, tamén, ao impulso tecnolóxico das pemes da comunidade.

  • A Xunta salienta en Vigo a oportunidade dos fondos europeos para impulsar a transformación industrial de Galicia a través da innovación, a sostibilidade e a dixitalización
    Ler máis
  • O programa ReAcciona apoia máis de 330 proxectos que melloran a competitividade das pemes galegas
    Ler máis
  • A Xunta achega ao tecido empresarial de Vigo os programas e liñas de actuación en marcha para afrontar o escenario actual e mellorar a súa competitividade
    Ler máis