A Xunta achega ao tecido empresarial de Vigo os programas e liñas de actuación en marcha para afrontar o escenario actual e mellorar a súa competitividade

Xoves, 05 Mai 2022 13:25
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra sobre os fondos europeos Next Generation onde destacou a importancia do Perte do naval para o futuro deste sector
  • Lembra que o Goberno galego vén de activar unha nova Estratexia do naval galego que busca, precisamente, promover a cooperación entre estaleiros e potenciar a diversificación de produtos e mercados para posicionar á Comunidade ante o Perte do sector

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) sobre as oportunidades para as empresas nos fondos europeos Next Generation. No encontro, levado a cabo de modo telemático  e no que destacou, entre outras medidas, a importancia do Perte do naval para o futuro desta industria, Guldrís achegou tamén ao tecido empresarial da provincia a colaboración da Xunta a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado polo encarecemento de recursos como a luz, o gas e os combustibles e a falta de subministracións de materias primas, e agravado pola invasión rusa a Ucraína.

 Neste marco, o director do Igape destacou que a Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante os Next Generation. Uns fondos que, como lembrou, se canalizarán en gran parte a través dos Pertes (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) que contan “cunha visión integral da cadea de valor, un importante impacto transformador e unha gran capacidade de arrastre”.
 Así, Guldrís salientou a importancia para Vigo e a súa área do Perte do naval. Precisamente, sobre este último lembrou que a Xunta vén de activar unha nova Estratexia do sector que busca promover a cooperación entre estaleiros e potenciar a diversificación de produtos e mercados para posicionar á Comunidade ante dito Perte.
 

Programas en marcha

Guldrís, que sinalou que durante estas datas está a manter encontros similares coas principais confederacións empresariais galegas, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación para cooperar co tecido empresarial. No ámbito da dixitalización, destacou os obradoiros ou as axudas á dixitalización que, na última convocatoria, teñen permitido impulsar proxectos na provincia por preto de 8 millóns de euros.

 Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 175 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Pontevedra por valor de máis de 6 millóns de euros.

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 359 proxectos impulsados na provincia.

 E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións.
  • A Xunta salienta en Vigo a oportunidade dos fondos europeos para impulsar a transformación industrial de Galicia a través da innovación, a sostibilidade e a dixitalización
    Ler máis
  • O programa ReAcciona apoia máis de 330 proxectos que melloran a competitividade das pemes galegas
    Ler máis
  • A Xunta achega ao tecido empresarial de Vigo os programas e liñas de actuación en marcha para afrontar o escenario actual e mellorar a súa competitividade
    Ler máis