Conde destaca o papel clave de Reganosa no despregamento do hidróxeno verde en Galicia

Martes, 27 Decembro 2022 17:56
  • Lembra que a compañía promove dous proxectos estratéxicos en Galicia como son as dúas plantas de hidróxeno verde que vai desenvolver nas Pontes e en Cerceda; a primeira xunto con EDP e, a segunda, con Naturgy e Repsol.
  • Agradece, tanto a Reganosa como á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa participación na Alianza industrial galega do hidróxeno verde.
  • Reclama ao Goberno que Galicia poida formar parte da rede de hidrodutos que unirá España co resto de Europa mediante a conexión Guitiriz -Zamora.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o papel clave que está a desempeñar Reganosa no despregamento en Galicia de novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde.

Acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, Conde visitou hoxe as obras realizadas no peirao da regasificadora, en Mugardos, onde a compañía instalou un novo sistema de carga e descarga de gas natural licuado (GNL) que lle vai permitir operar con todo tipo de buques. Unha infraestrutura, dixo o vicepresidente, que fará posible que Galicia poida configurar en torno a estas instalacións un hub de GNL para todo o noroeste peninsular.
 

O vicepresidente económico agradeceu, tanto a Reganosa como á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa participación na Alianza industrial galega do hidróxeno verde que a Xunta puxo en marcha xunto con todos os axentes do sector para impulsar a cadea do hidróxeno en Galicia. Nese sentido, lembrou que Reganosa promove dúas plantas de hidróxeno verde nas Pontes e en Cerceda. A primeira xunto con EDP declarada pola Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico; e, a segunda, con Naturgy e Repsol, que conta coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria, no marco das medidas de axilización administrativa que está a desenvolver o Goberno galego.

Conde subliñou que a mellor resposta que poden dar as administracións a todo este esforzo que está facendo a iniciativa privada é ofrecerlles o máximo apoio. E, ao respecto, volveu insistir en que Galicia poida formar parte da rede de hidrodutos que unirá España co resto de Europa mediante a conexión Guitiriz -Zamora. Do mesmo xeito que, dentro do Perte do Hidróxeno, solicitou ao Goberno que abra a man e teña unha especial consideración cara aos proxectos que a Comunidade ten en marcha neste sector.
  • A Xunta avoga pola cooperación para impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a planta de inxectables que Indukern poñerá en marcha en Monforte de Lemos
    Ler máis
  • A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta por novos modelos produtivos baseados na economía circular
    Ler máis