A Xunta destaca en Ames a importancia da diversificación para impulsar a mellora competitiva do tecido empresarial

Venres, 20 Xaneiro 2023 14:02
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou Alfonsín Digital, empresa de Bertamiráns especializada no sector audiovisual que, grazas ao programa Galicia Inviste, implementou a tecnoloxía HDR Dolby Vision.
  • Salienta que este programa ten permitido ata o de agora mobilizar máis de 42M€ na provincia da Coruña impulsando proxectos como a implantación de novos establecementos ou os cambios nos procesos de produción.
  • Lembra que está aberto o prazo de presentación de solicitudes das axudas para impulsar obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Bertamiráns (Ames) as instalacións da empresa Alfonsín Digital, onde puxo en valor a importancia que ten para a mellora competitiva das pemes locais programas como Galicia Inviste, que permiten afondar tanto na diversificación de proxectos como na aposta pola innovación de cara a mellorar a competitividade empresarial.

Neste sentido, expuxo Guldrís, Alfonsín Dixital “é un bo exemplo” das posibilidades que ofrecen esta e outras liñas impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape. “Neste caso concreto, o programa permitiu a implementación da tecnoloxía HDR Dolby Vision, o que fai desta empresa especializada no sector audiovisual unhas das poucas que ofrece este sistema en España, e a única en Galicia”, subliñou.

Ata o de agora, segundo informou o director do Igape, este programa ten permitido mobilizar máis de 42M€ na provincia da Coruña, impulsando proxectos de mellora como a implantación de novos establecementos, a diversificación ou os cambios nos procesos de produción. Así, nesta provincia aprobáronse desde o 2018 e ata o de agora máis de 115 proxectos no marco do Galicia Inviste, que suman un importe conxunto superior aos 10,5M€.

Sobre esta base, o director do Igape lembrou que o Galicia Inviste ofreceu o ano pasado, por primeira vez, a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para o financiamento de proxectos, na procura de potenciar o mantemento e creación de emprego, a innovación e o impulso de novas iniciativas empresarias.
 
Neste marco, a liña promoveu durante o último exercicio tres grandes grupos de actuación: un centrado nos proxectos de investimento empresarial, outro que atendeu a iniciativas de mellora do sector de aloxamento, e o último que puxo o foco en investimentos en equipamento produtivo.
 
“Con iniciativas coma esta reforzamos o noso compromiso co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así o xeración de emprego, a innovación e a posta en marcha de proxectos empresariais”, resaltou Guldrís.
 
Precisamente no tocante á innovación, o director do Igape lembrou que nestes momentos está aberto o prazo de presentación de solicitudes para os obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, que promoven proxectos de colaboración cara aos retos principais da economía.
 
Estes obradoiros, sinalou, acadan a súa quinta convocatoria e configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.
  • A Xunta avoga pola cooperación para impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a planta de inxectables que Indukern poñerá en marcha en Monforte de Lemos
    Ler máis
  • A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta por novos modelos produtivos baseados na economía circular
    Ler máis