A Xunta destaca que o convenio entre Telespazio e a Universidade de Vigo é un exemplo das simbioses que xera o Polo Aeroespacial de Galicia

Luns, 23 Xaneiro 2023 13:46
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do acordo mediante o cal a multinacional colaborará, entre outros aspectos, na posta en marcha dun máster dual en Información Geoespacial.
  • O Polo Aeroespacial de Galicia, no que colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo, supón unha mobilización de case 330M€, cifra á que hai que sumar os 164 millóns de euros mobilizados desde 2015.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe que o convenio entre Telespazio e a Universidade de Vigo é un exemplo das simbioses que xera o Polo Aeroespacial entre as empresas tractoras da industria aeronáutica e toda a cadea de valor do sector en Galicia.

Conde asistiu en Vigo á presentación desta colaboración, mediante a cal a multinacional, que xunto con Airbus e Babcock é socio tecnolóxico da Xunta na Civil UAVs Initiative, colaborará coa Universidade no desenvolvemento de proxectos de investigación, dará apoio a investigadores e estudantes, e participará na posta en marcha dun máster dual en Información Geoespacial, que vai ser un título propio da Universidade de Vigo.

O vicepresidente económico da Xunta de Galicia agradeceu a aposta de Telespazio polo ecosistema galego de I+D+i, e en concreto pola Universidade de Vigo, que lidera en Galicia a investigación no campo da industria aeroespacial, subliñando que este acordo pon unha semente para o futuro desenvolvemento do sector en Galicia e a súa consolidación.

O Polo Aeroespacial de Galicia, no que colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo, supón neste momento unha mobilización de case 330 millóns de euros, que poderían alcanzar os 540 millóns de euros coas achegas que puidesen chegar dos fondos europeos e o Perte do sector. É unha cifra á que hai que sumar os 164 millóns de euros mobilizados desde 2015.

Na súa intervención, Conde subliñou a gran aposta que está facendo Galicia pola industria aeroespacial. Segundo os datos do Consorcio Aeronáutico Galego, o sector, que vén mantendo unha liña de crecemento ininterrompido, conta con máis de 1.500 empregos vinculados entre directos e indirectos.

  • A Xunta avoga pola cooperación para impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a planta de inxectables que Indukern poñerá en marcha en Monforte de Lemos
    Ler máis
  • A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta por novos modelos produtivos baseados na economía circular
    Ler máis