A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta por novos modelos produtivos baseados na economía circular

Mércores, 25 Xaneiro 2023 16:40
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou as instalacións de Setga no polígono da Reigosa, nas que esta empresa especializada en iluminación está a instalar un novo sistema para a xestión de edificios co apoio da Administración autonómica.
  • Subliña que este tipo de actuacións permiten avanzar en novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
  • O programa impulsou ata o de agora unha ducia de iniciativas centradas na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
  • En próximas datas publicarase a segunda edición desta liña de axudas, cun importe de 1,5 millóns para 2023.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as novas instalacións que a empresa Setga está a construír no polígono da Reigosa (Ponte Caldelas), onde destacou a aposta da Administración autonómica por novos modelos produtivos baseados na economía circular. “Estamos nunha época de cambios onde as empresas deben apostar por un novo paradigma sustentado na dixitalización e na sustentabilidade”, salientou Guldrís, poñendo en valor neste marco o papel que xogan a innovación, a loxística e a economía circular.

O director do Igape sinalou que Setga “é un bo exemplo” deste compromiso, o que lle está a permitir impulsar estas novas instalacións da Reigosa a través da liña de apoio á economía circular, activada por primeira vez o ano pasado na procura de mellorar a competitividade empresarial impulsando novos procesos e un consumo máis eficiente.
 

Neste sentido, a compañía, experta en solucións lumínicas, está a avanzar na nave onde vai instalar un novidoso sistema para xestión de edificios. A infraestrutura, en fase avanzada, permitirá achegar solucións innovadoras de economía circular.

Guldrís sinalou que o programa permitiu ata o de agora impulsar unha ducia de iniciativas apoiando proxectos, entre outros, centrados na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
 
Para a súa selección, os proxectos debían cumprir distintos obxectivos, entre os que destacan, entre outros, a redución do consumo de recursos no proceso produtivo, a facilidade para a súa reemprego ou reciclaxe, a creación de cadeas de valor máis curtas, ou a implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reparación dos produtos.
 
En próximas datas publicarase a segunda edición desta liña de axudas impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación centrada na implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, cun importe de 1,5 millóns para 2023.
 
No tocante á innovación, o director do Igape lembrou tamén que nestes momentos está aberto o prazo de presentación de solicitudes para os obradoiros de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada, que promoven proxectos de colaboración máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía.
 

Estes obradoiros, sinalou, acadan a súa quinta convocatoria e configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.

  • A Xunta avoga pola cooperación para impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a planta de inxectables que Indukern poñerá en marcha en Monforte de Lemos
    Ler máis
  • A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta por novos modelos produtivos baseados na economía circular
    Ler máis